Amosando publicacións coa etiqueta PLÁSTICA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta PLÁSTICA. Amosar todas as publicacións

martes, 20 de maio de 2025

DECORANDO BOLSAS DE TEA CON ARTE, LITERATURA E TRADICIÓN.

Logo do desenvolvemento de distintos proxectos ao longo do curso escolar, imos decorar co alumnado de educación primaria bolsas de tea cheas de arte, literatura e tradición.

 

 Obxectivos:

·       Fomentar a expresión artística a partir de referentes culturais e literarios galegos.

·       Relacionar a creatividade coa observación da natureza e a preservación ambiental.

·       Honrar a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, conmemorando o Ano Castelao 2025 no 75 aniversario do seu pasamento.

·       Celebrar o Día das Letras Galegas resaltando a importancia das cantareiras e da tradición oral galega.

·       Visibilizar o legado de Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeira, Prudencia, Asunción Garrido e Manuela Lema, mulleres fundamentais na conservación da lingua e da cultura popular.

·       Mostrar os traballos artísticos do alumnado nunha exposición final, recollendo as creacións do Laboratorio das Artes e das Ciencias ao longo do curso.

A rapazada de 1º, 2º, 3º e 4º de primaria decorarán as súas bolsas de tea con ilustracións de aves e niños de paxaros, baseándose no traballo previo do Proxecto 100 niños para paxaros.

O alumnado de 5º de primaria representará escenas inspiradas no libro Cousas de Castelao, integrando así a celebración do Ano Castelao 2025.

@s nen@s  de 6º curso ilustrarán pandeiretas, pandereiteiras e cantareiras en homenaxe ao Día das Letras Galegas, recoñecendo o papel das mulleres na transmisión da cultura galega.

Desenvolvemento dos obradoiros:

A actividade estivo estruturada en catro sesións:

1.   Marcado da zona de pintura e estarcido nas bolsas de tea.

 

2.   Deseño a lápis da ilustración, planificando os elementos gráficos.

3.   Rotulación das imaxes utilizando útiles de pintura sobre tea.

 

4.   Coloración e detalles finais para dar vida aos deseños e completar as ilustracións.


 

 

 

Ao rematar o proxecto, fíxose unha exposición onde se mostran todas as bolsas decoradas, converténdoas nunha parte esencial da mostra dos traballos anuais desenvolvidos no Laboratorio das Artes e das Ciencias. Esta exposición permitirá que toda a comunidade educativa poida apreciar o esforzo e a creatividade do alumnado, así como a riqueza cultural que este proxecto promove: bolsas decoradas con referencias culturais galegas e conciencia ambiental.

 

 

sábado, 1 de marzo de 2025

CREAMOS TEATRO DE MONICREQUES DE ENTROIDO


 Actividade moi competencial e divertida. O alumnado do sexto curso de primaria, elaborou con cartóns de refugallo o seu disfrace. Caixas,tesoiras, cola, silicona, témperas e moita imaxinación. Cada un elaborou o seu cabezudo, logo, fixo a súa presentación.

Gústavos?

Eles gozaron moitísimo na creación  dos monicreques, sacando as fotografías e na grabación dos chatterpix.




 

domingo, 2 de febreiro de 2025

CREACIÓN DE TEATRILLOS E TÍTERES NA AULA DE PLÁSTICA

 Actividade de creación de teatrillos e títeres na aula de plástica

Nesta actividade, o alumnado participou nun proxecto creativo e colaborativo na aula de plástica, promovendo o traballo en equipo e o desenvolvemento das habilidades manuais.

Para comezar, cada equipo escolleu unha caixa de cartón sen coñecer previamente a súa finalidade. Unha vez repartidas as caixas, explicouse que debían transformalas en teatrillos para guiñol. Para iso, tiveron á súa disposición diferentes materiais, como pistolas de silicona, cola, pegamento en barra, pinturas variadas, Poscas, rotuladores permanentes, témperas, pinceis, botóns, teas e outros elementos de refugallo. O obxectivo era fomentar a creatividade e a reutilización de materiais, reforzando a idea da economía circular (ODS 12: Producción e Consumo Responsable).


 


Unha vez construídos os teatrillos, cada alumno creou o seu propio títere empregando fieltro, fío, agulla e outros materiais de manualidades. Este proceso permitiu traballar destrezas motoras finas e potenciar a imaxinación.

 




 

Finalmente, en grupos cooperativos, escribiron un pequeno texto para representar unha historia na aula STEAM. Durante este proceso, empregaron tabletas e programas de edición dixital para mellorar a calidade da gravación e incorporar efectos que enriqueceron a representación. O uso destas ferramentas favoreceu a aprendizaxe tecnolóxica e fomentou unha utilización responsable dos recursos dixitais, vinculando a actividade ao ODS 4 (Educación de Calidade) e ao ODS 9 (Industria, Innovación e Infraestrutura).

 

Ademais de estimular a creatividade e o traballo en equipo, esta actividade contribúe á consecución do ODS 4 (Educación de Calidade), fomentando a aprendizaxe activa e inclusiva, e do ODS 11 (Cidades e Comunidades Sustentables), ao integrar o concepto de reutilización de materiais e conciencia ecolóxica.

A gravación final permitiu que tanto o alumnado como as familias desfrutasen do resultado.

venres, 24 de xaneiro de 2025

OBRADOIRO DE CARTÓN CON TON ARENAS E A BIBLIOTECA CREATIVA. OBRADOIRO DE CABEZUDOS.

 

Canto divertimento tivemos hoxe na escola! Ninguén podía imaxinar que unhas simples caixas de zapatos puidesen dar tanto xogo.

Grazas á participación no programa de BIBLIOTECA CREATIVA, na escola puidemos contar con TON ARENAS, pertencente á Compañía MIRCROMINA TEATRO DE TÍTERES. Él dí que é un artesán dos Muiños en Mondoñedo. Crea, constrúe teatriños, bonecos, títeres e cabezudos.

Mostrounos a súa técnica e con tan só caixas, cinta de papel, tesoiras maila nosa imaxinación creamos...









venres, 17 de xaneiro de 2025

DESEÑANDO NAS IMPRESORAS 3D

 O alumnado do terceiro ciclo de educación primaria embarcouse nun fascinante proxecto de deseño e impresión 3D, onde as matemáticas e a creatividade camiñaron da man. A partir dos coñecementos xeométricos adquiridos na aula, os nenos e nenas deseñaron chaveiros, medallóns e mesmo unha reprodución da mascota da biblioteca escolar, Picolindo, aplicando conceptos de dimensións e proporcións con gran destreza.

Pero o proxecto non quedou só no deseño! O espírito investigador e colaborativo guiou a busca de obxectos para imprimir nas impresoras 3D da escola. 
 

Entre os deseños seleccionados destacaron os renos de Nadal, pensados como agasallos para os finalistas do concurso de postais, e os paxariños sonoros, creados para os participantes no concurso de escritura de cartas de amor, enmarcado no reto "100 niños de paxaros" e na celebración do Día da Candelaria.
 
Para levar a cabo este traballo, o alumnado explorou programas dixitais como Thingiverse, Tinkercad e MakerWorld, desenvolvendo habilidades de busca de información e coñecemento tecnolóxico. Ademais, tiveron a oportunidade de experimentar coa montaxe e configuración da impresora  Creatily. 



mércores, 18 de decembro de 2024

LUZ NEGRA POLO NADAL

Hoxe, na aula de música aconteceu algo moi especial que deixou abraiada á rapazada.

A maxia do Nadal fixo posible esta experiencia inolvidable.

 

luns, 30 de setembro de 2024

OS ARTÍSTAS DO RESÍO


 
 
Na escola O Resío, cada neno e nena é protagonista do seu propio talento. Neste proxecto educativo, os nosos pequenos artistas idearon un escenario único e adornárono cun marco artístico cheo de creatividade.
 
 
No centro dese escenario, debuxáronse como soñan ser: cantantes que iluminan coas súas voces, futbolistas que xogan con paixón, pintores e debuxantes que enchen o papel de vida, patinadores e esquiadores que deslizan cos seus soños, científicos e científicas que exploraron o descoñecido, modistos que deseñaron estilos únicos…

E para dar vida a eses debuxos, transformáronse en arte! Colocáronse no seu escenario e captaron a súa imaxe, igual que se representaran no papel. Porque no Resío, a creatividade non só se debuxa, senón que se vive.

mércores, 22 de maio de 2024

FACEMOS CERÁMICA COA MAMÁ DE ESTELA E ROI

 Hoxe visitounos Paula, nai dos alumn@s Estela e Roi, para levar a cabo un obradoiro de artesanía. Explicounos como manipula, coce e decora o barro no seu taller de cerámica e a continuación tivemos a oportunidade de experimentar co barro e decorar uns vasiños agasallo de Paula, que posteriormente cocerá no seu forno e traerá rematados.

Moitísimas grazas, Paula, por esta experiencia tan gratificante!. Encantounos!



 

 

mércores, 15 de maio de 2024

CONCURSO : E TI, QUE PENSAS DA IGUALDADE?

 Dende a escola participamos no concurso da Deputación de Pontevedra E ti, que pensas da igualdade?

Un bo traballo de reflexión sobre o que é para nós a igualdade e unha representación en forma de debuxo ou cómic. O sexto curso de primaria participou con poema musicado.

Obtivemos varios premios:

3º premio categoría primeiro ciclo de primaria para:

ANDREA BLANCO CORTÉS


 

3º premio categoría terceiro ciclo de primaria  para: 

LETICIA FERNÁNDEZ MARÍA




1º premio categoría terceiro ciclo de primaria  para: 

IVÁN GAMALLO GÓMEZ


 


2º PREMIO GRUPAL POEMA

GRUPO AULA SEXTO PRIMARIA

 


 

Para rematar a festa, gozamos dun concerto con UXÍA LAMBONA e a BANDA MOLONA.