Amosando publicacións coa etiqueta NOVAS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta NOVAS. Amosar todas as publicacións

xoves, 26 de marzo de 2026

PARTICIPACIÓN NO CONCURSO "O NOSO CANTO" DA CONSELLERÍA DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA

 Participamos na campaña da Xunta polo 8M, ‘O Noso Canto’.



Na escola desenvolveuse a gravación dunha versión da canción “O noso canto", contando co talento e a ilusión do profesorado e do alumnado. O primeiro paso foi analizar os recursos humanos cos que contabamos: persoas que sabían tocar instrumentos e outras con interese e capacidade para cantar. A partir desta análise, organizamos quen se encargaría da interpretación vocal e instrumental.

Dispúxose dunha ampla variedade de instrumentos: pandeiro, pandeireta, piano, viola, xilófono, caixón, óboe e guitarras, o que permitiu enriquecer a nosa proposta musical.

Repartíronse as partituras e as letras, e a canción comezou a escoitarse no fío musical do centro en cada sesión de traballo, favorecendo a súa familiarización.

Nas aulas ensaiamos a canción e, na sesión de música e noutros tempos de lecer e descanso, fixéronse probas e gravacións individuais, e decidiuse como facer un acompañamento coas mans ao retrouso. Poderíase dicir que fomos construíndo a nosa versión pouco a pouco.

Durante o proceso de gravación detectáronse certas limitacións tecnolóxicas, polo que se recorreu ao uso dun iPad. A cámara da que dispoñemos non ten amplitude suficiente. Non dispor de gradas,  condicionou a disposición do alumnado. Estas dificultades foron superadas grazas á colaboración e implicación de todos os participantes.

O proxecto constituíu unha experiencia de traballo colaborativo moi positiva, na que cada persoa achegou o seu papel ao resultado final. Así mesmo, permitiu traballar a importancia da igualdade, promovendo a reflexión sobre a necesidade de construír unha sociedade máis xusta e igualitaria, así como sobre o papel das mulleres na sociedade.

En conclusión, valórase moi positivamente a experiencia, tanto polo  proceso vivido como polo resultado  final acadado.

Consideramos que fixemos un proxecto marabilloso.

Agora, xa podedes gozar do noso traballo!

Canto nos divertimos! 

 

Preme na imaxe para ver o video

Esperamos que vos guste! 

 

PROPOSTA EXPOSICIÓN CREATIVA: FACEMOS OVOS DE PASCUA CON LÁ

 


mércores, 25 de marzo de 2026

BIBLIOTECA CREATIVA: OBRADOIRO DE CERÁMICA CON PAULA OJEA

 Hoxe desenvolvemos un obradoiro de cerámica no centro, unha experiencia compartida por todo o alumnado dende cuarto de infantil ata sexto de primaria ao longo da mañá. Para impartir este obradoiro, contamos coa inestimable axuda da ceramista  Paula Ojea, maila súa nai Teté.

Estirando a arxila cun rolo


Paula,  trouxo arxila branca e explicou como traballala correctamente.  En primeiro lugar, o alumnado aprendeu a estirar a arxila empregando un rolo, aplicando unha presión suave e uniforme ata conseguir unha superficie lisa e cun grosor semellante en toda a peza. Unha vez estirada,como o tempo non era moito, ela mesma trouzo xa estirada a arxila, utilizouse un troquel de 12x12 para cortar as formas, creando así pequenos azulexos.

Troquel

 

Cores utilizadas

Facendo azulexos cun troquel

 

Azulexos
Modelando
Usamos as mans para modelar

 
A partir de aí, comezou o proceso máis creativo: mentres uns elaboraban azulexos, outros, coa mesma arxila, modelaban coas súas mans diferentes elementos e personaxes máxicos. Así foron xurdindo coellos, variñas, arcos da vella, balóns, sorrisos, bruxas e magos, entre outras creacións, todas pensadas para decorar a parede situada a carón do banco onde suceden cousas máxicas: un espazo destinado a resolver conflitos no patio, favorecendo o diálogo e a convivencia durante o tempo de lecer.

Pegando as figuriñas con Barrotina

 Para dar unidade ao conxunto, todas as pezas foron pintadas con tres cores comúns: amarelo, azul e laranxa, creando unha harmonía visual no resultado final.



 O alumnado de quinto e sexto curso asumiu unha tarefa moi especial: a elaboración das letras do texto “O BANCO ONDE PASAN COUSAS MÁXICAS”. Recortaron as plantillas, cortaron as letras na arxila coa axuda dun cúter. 

Cortando as letras

 


Despois, dedicáronse a alisar a superficie, empregando as mans e un pouco de auga para eliminar gretas e imperfeccións, conseguindo un acabado máis coidado. 

Finalmente, pintáronas cun azul intenso. Entre todos e todas, fomos montando o texto, dando forma ao mural xa prediseñado por Paula.

Pintando as letras
Agora comeza o tempo de espera. Paula, xunto coa súa nai Teté, levaron todas as pezas ao forno do seu obrador, onde serán abiscoitadas a máis de 900º, barnizadas e cocidas de novo para acadar o seu acabado definitivo.

O resultado no Laboratorio das Artes promete ser fermoso, pero sobre todo será unha obra chea de significado: un traballo colectivo que reflicte a creatividade do alumnado e o valor da convivencia, convertendo a arte nunha ferramenta para aprender a escoitar, respectar e resolver xuntos.

 

O deseño final

SAÍMOS NA PRENSA...

 


martes, 24 de marzo de 2026

TEATRO DE SOMBRAS CHINESAS DA MAN DO GRUPO OS ASOMADOS

Hoxe tivemos a sorte de contar na escola co grupo de teatro OS ASOMADOS, do CEE SAN RAFAEL. Ofrecéronnos a obra de teatro de sombras chinesas: " O MONSTRO DE CORES". 

Un grupo de cinco rapaces, acompañados polos seus mestres, deleitaron aos máis cativos da escola. 


 
Aquí podedes gozar do seu marabilloso traballo:

 Unha fermosa iniciativa, que permite unha colaboración intercentros e que para eles supón un xeito marabilloso de integración na comunidade. Un gran traballo e unha fermosa iniciativa. Ogallá sexa a primeira de moitas.  
O centro agasallou aos participantes cunha camiseta do  80 aniversario do cole.
 

venres, 20 de marzo de 2026

OBRADOIRO CREATIVO: FACEMOS CAMPÁS DE CERÁMICA DA MAN DE PAULA OJEA

O alumnado de 2° gozou o pasado mércores dunha xornada de artesanía na cerámica da man da Paula Ojea, nai de Roi e Estela. 

 No Resío, temos a sosrte de contar con esta nai que é un exemplo de inspiración.

 

Ela é una referente do traballo artesanal, unha muller que se abriu camiño nun ámbito tradicionalmente masculinizado como é a enxeñería, ao tempo que soubo reinventarse no mundo da cerámica. A súa figura pon en valor o papel das mulleres en profesións diverssas, demostrando que é posible combinar coñecemento técnico e creatividade.

 Paula conta cun fermoso obradoiro en Bouzas, onde desenvolve un proxecto persoal centrado na cerámica contemporánea. Aquí é onde eseña e elabora pezas únicas nas que se percibe a influencia da súa formación científica, convertendo o seu traballo nun exemplo de innovación e identidade propia. 


 


Moitísimas grazas, Paula, por achegarnos unha vez máis á modelaxe. En breve ensinarémosvos o fabuloso resultado.

xoves, 19 de marzo de 2026

AREPAS COA NAI DE ALBA E LUCÍA

 






Hoxe visitóunos a nai de Alba, Mariam, para explicarnos como se fan as arepas. Despois preparou a masa e fritiunas. Nós tamén axudamos un pouco amasando e facendo boliñas. Pasámolo moi ben e despois comímolas. 

 

Estaban boísimas!

 

martes, 17 de marzo de 2026

17 DE MARZO, DÍA DO CÓMIC



Con motivo da celebración do Día do Cómic, o pasado 17 de marzo, desenvolvemos na aula de plástica unha actividade creativa centrada na creación de personaxes.

Para afastarnos dun enfoque máis dirixido e fomentar a expresión libre, propuxemos unha dinámica grupal baseada no movemento e na música. Sobre un gran papel continuo branco, o alumnado foi desprazándose polo espazo mentres soaba a música, realizando garabatos de maneira espontánea. Cando a música se detiña, tamén eles debían parar, deixando o debuxo tal e como estaba nese momento. Deste xeito, foise creando unha composición colectiva chea de liñas, formas e trazos inesperados.

Unha vez finalizada a actividade musical, introducimos un novo elemento: unha “ventá”, elaborada cunha cartolina cun pequeno recadro no centro. Cada neno e nena utilizou esta ventá para encadrar diferentes partes do mural, observando con atención os trazos que aparecían no seu interior. A partir desas formas aparentemente aleatorias, o reto consistía en imaxinar e dar vida a novos personaxes de cómic, completando os debuxos e engadindo detalles.

 

 
 Agora que temos as personaxes... Que aventuras acontecerán?

Esta proposta resultou especialmente motivadora, xa que combinou movemento, xogo e creatividade. Ademais, permitiu traballar a imaxinación e a capacidade de transformar o azar en creación artística. Como resultado, xurdiron personaxes orixinais e sorprendentes, convertendo a actividade nunha experiencia moi divertida e enriquecedora para todo o alumnado.

 

 

luns, 16 de marzo de 2026

EXPERIMENTAMOS: O MILLO SALTARÍN

 

O experimento do millo bailarín!


Nun bote de vidro botamos auga, bicarbonato e uns grans de millo; logo añadimos vinagre e agardamos un pouquiño... 

A maxia apareceu! Os grans de millo comezaron a bailar dentro do bote


 

venres, 13 de marzo de 2026

OBRADOIRO DE RADIO NA ESCOLA con DAMIÁN ALONSO

Hoxe gozamos dun fenomenal obradoiro de radio na escola con Damián Alonso. Comezamos na aula. Alí ensinounos todos os pasos necesarios para elaborar un programa. Nós xa tiñamos algo de experiencia, pero... encantounos!


 

 

Ensinounos como contar historias e contos. Aprendeunos a modular a voz, e traballamos a respiración, a vocalización e como axudarnos do noso corpo para proxectar mellor a nosa voz. 



Partindo de calquera situación somos quen de facer un programa de radio. 

Creamos o guión, eleximos as personaxes, é... en breve gozaredes do programa de radio maquetado.

Grazas por aprendernos tanto! 

xoves, 12 de marzo de 2026

OBRADOIRO CREATIVO: CREAMOS UN MÓBIL MUSICAL

 Durante estas semanas, o alumnado de 2° estivo construíndo un novo instrumento de música. Trátase dun móbil musical elaborado con pasta de cores, que tinguimos na aula. Unha actividade moi relaxante que consegue estimular todos os sentidos.