Amosando publicacións coa etiqueta EDLG. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta EDLG. Amosar todas as publicacións

xoves, 26 de marzo de 2026

PARTICIPACIÓN NO CONCURSO "O NOSO CANTO" DA CONSELLERÍA DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA

 Participamos na campaña da Xunta polo 8M, ‘O Noso Canto’.



Na escola desenvolveuse a gravación dunha versión da canción “O noso canto", contando co talento e a ilusión do profesorado e do alumnado. O primeiro paso foi analizar os recursos humanos cos que contabamos: persoas que sabían tocar instrumentos e outras con interese e capacidade para cantar. A partir desta análise, organizamos quen se encargaría da interpretación vocal e instrumental.

Dispúxose dunha ampla variedade de instrumentos: pandeiro, pandeireta, piano, viola, xilófono, caixón, óboe e guitarras, o que permitiu enriquecer a nosa proposta musical.

Repartíronse as partituras e as letras, e a canción comezou a escoitarse no fío musical do centro en cada sesión de traballo, favorecendo a súa familiarización.

Nas aulas ensaiamos a canción e, na sesión de música e noutros tempos de lecer e descanso, fixéronse probas e gravacións individuais, e decidiuse como facer un acompañamento coas mans ao retrouso. Poderíase dicir que fomos construíndo a nosa versión pouco a pouco.

Durante o proceso de gravación detectáronse certas limitacións tecnolóxicas, polo que se recorreu ao uso dun iPad. A cámara da que dispoñemos non ten amplitude suficiente. Non dispor de gradas,  condicionou a disposición do alumnado. Estas dificultades foron superadas grazas á colaboración e implicación de todos os participantes.

O proxecto constituíu unha experiencia de traballo colaborativo moi positiva, na que cada persoa achegou o seu papel ao resultado final. Así mesmo, permitiu traballar a importancia da igualdade, promovendo a reflexión sobre a necesidade de construír unha sociedade máis xusta e igualitaria, así como sobre o papel das mulleres na sociedade.

En conclusión, valórase moi positivamente a experiencia, tanto polo  proceso vivido como polo resultado  final acadado.

Consideramos que fixemos un proxecto marabilloso.

Agora, xa podedes gozar do noso traballo!

Canto nos divertimos! 

 

Preme na imaxe para ver o video

Esperamos que vos guste! 

 

mércores, 25 de marzo de 2026

BIBLIOTECA CREATIVA: OBRADOIRO DE CERÁMICA CON PAULA OJEA

 Hoxe desenvolvemos un obradoiro de cerámica no centro, unha experiencia compartida por todo o alumnado dende cuarto de infantil ata sexto de primaria ao longo da mañá. Para impartir este obradoiro, contamos coa inestimable axuda da ceramista  Paula Ojea, maila súa nai Teté.

Estirando a arxila cun rolo


Paula,  trouxo arxila branca e explicou como traballala correctamente.  En primeiro lugar, o alumnado aprendeu a estirar a arxila empregando un rolo, aplicando unha presión suave e uniforme ata conseguir unha superficie lisa e cun grosor semellante en toda a peza. Unha vez estirada,como o tempo non era moito, ela mesma trouzo xa estirada a arxila, utilizouse un troquel de 12x12 para cortar as formas, creando así pequenos azulexos.

Troquel

 

Cores utilizadas

Facendo azulexos cun troquel

 

Azulexos
Modelando
Usamos as mans para modelar

 
A partir de aí, comezou o proceso máis creativo: mentres uns elaboraban azulexos, outros, coa mesma arxila, modelaban coas súas mans diferentes elementos e personaxes máxicos. Así foron xurdindo coellos, variñas, arcos da vella, balóns, sorrisos, bruxas e magos, entre outras creacións, todas pensadas para decorar a parede situada a carón do banco onde suceden cousas máxicas: un espazo destinado a resolver conflitos no patio, favorecendo o diálogo e a convivencia durante o tempo de lecer.

Pegando as figuriñas con Barrotina

 Para dar unidade ao conxunto, todas as pezas foron pintadas con tres cores comúns: amarelo, azul e laranxa, creando unha harmonía visual no resultado final.



 O alumnado de quinto e sexto curso asumiu unha tarefa moi especial: a elaboración das letras do texto “O BANCO ONDE PASAN COUSAS MÁXICAS”. Recortaron as plantillas, cortaron as letras na arxila coa axuda dun cúter. 

Cortando as letras

 


Despois, dedicáronse a alisar a superficie, empregando as mans e un pouco de auga para eliminar gretas e imperfeccións, conseguindo un acabado máis coidado. 

Finalmente, pintáronas cun azul intenso. Entre todos e todas, fomos montando o texto, dando forma ao mural xa prediseñado por Paula.

Pintando as letras
Agora comeza o tempo de espera. Paula, xunto coa súa nai Teté, levaron todas as pezas ao forno do seu obrador, onde serán abiscoitadas a máis de 900º, barnizadas e cocidas de novo para acadar o seu acabado definitivo.

O resultado no Laboratorio das Artes promete ser fermoso, pero sobre todo será unha obra chea de significado: un traballo colectivo que reflicte a creatividade do alumnado e o valor da convivencia, convertendo a arte nunha ferramenta para aprender a escoitar, respectar e resolver xuntos.

 

O deseño final

martes, 24 de marzo de 2026

TEATRO DE SOMBRAS CHINESAS DA MAN DO GRUPO OS ASOMADOS

Hoxe tivemos a sorte de contar na escola co grupo de teatro OS ASOMADOS, do CEE SAN RAFAEL. Ofrecéronnos a obra de teatro de sombras chinesas: " O MONSTRO DE CORES". 

Un grupo de cinco rapaces, acompañados polos seus mestres, deleitaron aos máis cativos da escola. 


 
Aquí podedes gozar do seu marabilloso traballo:

 Unha fermosa iniciativa, que permite unha colaboración intercentros e que para eles supón un xeito marabilloso de integración na comunidade. Un gran traballo e unha fermosa iniciativa. Ogallá sexa a primeira de moitas.  
O centro agasallou aos participantes cunha camiseta do  80 aniversario do cole.
 

venres, 13 de marzo de 2026

OBRADOIRO DE RADIO NA ESCOLA con DAMIÁN ALONSO

Hoxe gozamos dun fenomenal obradoiro de radio na escola con Damián Alonso. Comezamos na aula. Alí ensinounos todos os pasos necesarios para elaborar un programa. Nós xa tiñamos algo de experiencia, pero... encantounos!


 

 

Ensinounos como contar historias e contos. Aprendeunos a modular a voz, e traballamos a respiración, a vocalización e como axudarnos do noso corpo para proxectar mellor a nosa voz. 



Partindo de calquera situación somos quen de facer un programa de radio. 

Creamos o guión, eleximos as personaxes, é... en breve gozaredes do programa de radio maquetado.

Grazas por aprendernos tanto! 

domingo, 8 de marzo de 2026

CELEBRAMOS O 8M, CELEBRAMOS A IGUALDADE

Con motivo do Día Internacional da Muller (8M), levamos a cabo na escola moitas actividades. Imos contarvos algunhas delas.

No laboratorio das artes e das ciencias desenvolveuse unha actividade moi especial e significativa. O alumnado, organizado en equipos cooperativos, realizou debuxos nos que se puxo en valor o papel da muller na sociedade. A través das súas creacións, quixeron reflectir como as mulleres, xeración tras xeración, se apoian mutuamente na loita por mellorar a súa situación e por recuperar todos aqueles espazos nos que foron discriminadas polo feito de seren mulleres.

A actividade desenvolveuse baixo a dinámica “traballamos a unha man”: cada grupo, formado por cinco alumnos e alumnas, dispoñía unicamente dun rotulador, fomentando así a colaboración, o respecto e a toma de decisións conxunta. Unha vez finalizado o deseño, procederon a colorealo de maneira colaborativa empregando distintos materiais, o que enriqueceu o resultado final.

Durante o proceso creativo, o ambiente estivo acompañado pola escoita de cancións tradicionais relacionadas con esta data, favorecendo a reflexión e a sensibilización arredor da igualdade.

Paralelamente, e coa colaboración das familias, o alumnado levou para a casa un mandil elaborado en cartolina. Nel, debían escoller unha muller galega do seu contorno que realizase traballos coas mans. Podía tratarse da nai, a avoa, unha tía ou unha veciña, dedicada tanto a un oficio tradicional como actual: facer pan, coser, traballar na horta ou no mar, ou desempeñar profesións como directora dun banco, mecánica, futbolista, pintora, xornalista, escritora ou calquera outro labor.

O alumnado debía pegar unha fotografía ou realizar un debuxo da persoa elixida no mandil. Na parte posterior, decorárono de maneira creativa. Posteriormente, todos os mandís uníronse para transformar a entrada do colexio nun gran “tendal” de mulleres importantes para a nosa comunidade educativa, visibilizando así as súas historias e o seu valor.

O máis importante desta actividade foi poñer en valor que se trata de mulleres que realizan tarefas significativas e que nos amosan que todas as persoas podemos chegar a ser o que queiramos.

Grazas á colaboración familiar, o recibidor da escola quedou fermoso.




 Destacar tamén a participación no Concurso da Deputación de Pontevedra co título QUE É A IGUALDADE PARA TI?, onde a rapazada elaborou individualmente un debuxo nos cursos inferiores e nos cursos altos un cómic. 

Sorte !

 E por último informar que participamos noutro concurso de igualdade, neste caso da Consellería de Igualdade,  onde todos e todas tivemos que sacar o mellor de nós para crear unha gran producción. Neste momento non podemos dar máis detalles. Irase informando. 

venres, 27 de febreiro de 2026

23 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA

Rosalía de Castro foi unha escritora moi importante de Galicia, nacida en 1937 en Santiago de Compostela, sendo unha das persoas máis queridas da literatura galega.

Nun tempo no que case ninguén escribía en galego, ela decidiu facelo. Grazas a iso, axudou a que a nosa lingua fose respectada e valorada. O seu libro máis famoso é Cantares gallegos, publicado en 1863. Ese libro marcou o comezo do Rexurdimento, unha etapa na que o galego volveu usarse na literatura.

Nos seus poemas falaba da tristeza, da emigración e do amor por Galicia.
Defendía ás persoas pobres e ás mulleres.

Hoxe é un símbolo da nosa cultura. Por iso, o 23 de febreiro celebramos o seu día, lembrando a súa persoa e a súa obra.

Na escola, ao longo da semana desenvolvemos moitas actividades.

Aproveitando o tempo de lecer, ilustramos esta canción de ROSALÍA PEQUENIÑA DE UXÍA SENLLE.

Gústavos?




 A cativada de 6º de infantil, aprendou o retrouxo do seu poema " Adiós ríos, adiós fontes", e cantouno na Lareira dos contos acompañados pola profe Alba e ´a guitarra. Na aula fixeron un quebracabezas  do seu retrato.


 

 A rapazada de cuarto de primaria elaborou un mural sobre Rosalía e o poema "Un repoludo gaiteiro"

 


 


 

mércores, 25 de febreiro de 2026

MOSTRA: FIANDO E ILUSTRANDO

As nosas devanceiras veñen vestindo a familia e a casa dende tempos
inmemoriais. Ata hai ben pouco producían e procesaban os tecidos nas casas. Enfiaban, tinguían e cosían sempre buscando funcionalidade e beleza.
Co gallo do Día da Ilustración e ao abeiro do tema anual “O FEITO A MAN” decidiuse solicitar ás familias a participación nunha exposición de pezas tecidas das que dispoñían na súa casa: Manteis, panos de man, bufandas, bonecos,vestidos... 

Estamos moi agradecidos posto que, case 100 obras de arte domésticas enchen a sala de exposicións improvisada na aula STEAM.



Cada peza de roupa ou enxoval doméstico que chegou á escola foi tecida ou bordada non só para o uso que foi feita, senón que tamén ten unha  ademais de cumprir unha función práctica ten unha función estética.


Atopamos pezas que, de seguro, levaron moitas horas de traballo, amosando o dominio de complicadas técnicas e dunha gran capacidade creativa. Son labores  cun gran valor sentimental, son verdadeiras obras de arte.

 Moitas son as capacidades que se precisan para crear pezas así: paciencia, destreza, creatividades, matemática, proporcións...
Podemos dicir que a práctica totalidade foron confeccionadas por mulleres nas súas horas de lecer. Estas técnicas non requiren formación académica en si, pero si atención, cálculo, abstracción...
Os motivos empregados son moi variados: cadros, rectángulos, rombos, espirais ou figuras humanas, animais e vexetais. Uns copiados doutras pezas ou sacados de patróns de revistas, e outros de creación propia.
 

A través desta mostra, buscamos que o noso alumnado coñeza estas actividades  tradicionais e queremos ofrecerlle á rapazada unha alternativa enriquecedora fronte ao exceso de tecnoloxía presente nos fogares, facendo obradoiros de gancho, calceta e bordado, nos tempos de lecer finalizado o tempo de Entroido.
Todas estas labores axudan a desenvolver a motricidade fina, a traballar a
coordinación e a concentración, ademais de achegar importantes beneficios a nivel sensorial e, sobre todo, emocional. Son actividades que transmiten calma, paciencia e benestar emocional, permitindo conectar co feito de crear coas mans e dándolle moita importancia ao tempo compartido.
Na clase de plástica, o alumnado tentou reproducir as tramas de tódalas labouras traídas das casas. Un traballo complicado pero moi satisfactorio tal e como podedes comprobar nas imaxes.

 

Con todas elas fixemos un libriño, Gustavós? 


 

 

 

GRAZAS FAMILIAS POLA VOSA COLABORACIÓN! 

domingo, 22 de febreiro de 2026

ENCHEMOS BOUZAS DE MÚSICA, COR E EMOCIÓN. UN ENTROIDO BRILLANTE!

 Por fin chegou o día. Logo de ter que adiar o tan esperado pasarrúas, este venres, aínda que non luciu o sol, a comunidade educativa da nosa escola conseguiu sair da escola para desfilar polas rúas acompañados pola comunidade educativa do CEE SAN FRANCISCO. Non foi doado. Logo de prepararnos nas aulas coas mellores galas baixo o lema “O feito a man”, de colocar o Meco no teito do coche e poñer a música festeira a punto, xuntámonos no patio de Infantil para as fotos de grupo.

COMPARSA ENREDADOS NO MAR

COMPARSA CAOS NA COLMEA

COMPARSA OS POMPÓNS TOLOS


COMPARSA METID@S EN FARIÑA

COMPARSA MÁIS BOS CO PAN


COMPARSA @S RONDALLEIR@S DO RESÍO

COMPARSA MÁIS QUE LEITE

COMPARSA FIBRAS NATURAIS

 

Ás 11.00 horas estaba todo listo… pero faltaba a Policía Local. Sen a súa presenza, o Concello non autoriza a saída. Tocou facer chamadas e xestións de última hora porque, malia ter permiso municipal, esqueceran avisalos. Cómpre agradecer a rapidez coa que actuaron desde Comisaría. Ás 11.30, por fin, a comitiva botou a andar nun desfile cheo de vida e ganas de festa.

 

A vila de Bouzas gozou dunha mañá especial co pasarrúas organizado pola nosa escola, O Resío. Alumnado, profesorado e familias converteron as rúas nun espazo de encontro e celebración. Poucos metros despois da saída, incorporouse tamén o alumnado e profesorado do CEE SAN FRANCISCO, sumando aínda máis ambiente á comitiva.

 

Os disfraces, preparados con agarimo nas últimas semanas, renderon homenaxe aos oficios e á cultura tradicional. Desfilaron panadeiros e panadeiras, bonecas de trapo, peixes de cores, leiteiras e leiteriros, colmeas con apicultores facendo de guías, e unha creativa representación das fibras naturais. Non faltaron os rondalleiros e rondalleiras, que animaron o percorrido facendo soar pandeiretas, cunchas e charrascos, mentres as bandeiras se movían ao ritmo da música.


 

A veciñanza saíu ás beirarrúas para aplaudir, fotografar ao paso da comitiiva e acompañar o desfile. A festa continuou na Alameda, onde cada grupo realizou o seu pequeno desfile acompañado da súa propia música, enchendo o espazo de ritmos tradicionais e contemporáneos, acompañados polos aplausos. 

 

Antes de regresar, pequenos e maiores saborearon un doce petisco de chocolate. 

 

A xornada aínda non rematara, agardaba un dos momentos máis esperados. Xa na escola celebrouse o tradicional xuízo do Meco. 


Entre risas e moita expectación, foi condenado e “castigado”  cunha divertida chuva de globos de auga que puxo o punto divertido á mañá.

 

 


A xornada rematou cunha pequena merenda compartida e festa con baile na pista polideportiva.

 Un día sinxelo e fermoso que demostrou, unha vez máis, que cando a escola sae á rúa, toda a xente camiña con ela.

 LIGAZÓN AS IMAXES DO NOSO ENTROIDO