martes, 20 de maio de 2025

DECORANDO BOLSAS DE TEA CON ARTE, LITERATURA E TRADICIÓN.

Logo do desenvolvemento de distintos proxectos ao longo do curso escolar, imos decorar co alumnado de educación primaria bolsas de tea cheas de arte, literatura e tradición.

 

 Obxectivos:

·       Fomentar a expresión artística a partir de referentes culturais e literarios galegos.

·       Relacionar a creatividade coa observación da natureza e a preservación ambiental.

·       Honrar a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, conmemorando o Ano Castelao 2025 no 75 aniversario do seu pasamento.

·       Celebrar o Día das Letras Galegas resaltando a importancia das cantareiras e da tradición oral galega.

·       Visibilizar o legado de Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeira, Prudencia, Asunción Garrido e Manuela Lema, mulleres fundamentais na conservación da lingua e da cultura popular.

·       Mostrar os traballos artísticos do alumnado nunha exposición final, recollendo as creacións do Laboratorio das Artes e das Ciencias ao longo do curso.

A rapazada de 1º, 2º, 3º e 4º de primaria decorarán as súas bolsas de tea con ilustracións de aves e niños de paxaros, baseándose no traballo previo do Proxecto 100 niños para paxaros.

O alumnado de 5º de primaria representará escenas inspiradas no libro Cousas de Castelao, integrando así a celebración do Ano Castelao 2025.

@s nen@s  de 6º curso ilustrarán pandeiretas, pandereiteiras e cantareiras en homenaxe ao Día das Letras Galegas, recoñecendo o papel das mulleres na transmisión da cultura galega.

Desenvolvemento dos obradoiros:

A actividade estivo estruturada en catro sesións:

1.   Marcado da zona de pintura e estarcido nas bolsas de tea.

 

2.   Deseño a lápis da ilustración, planificando os elementos gráficos.

3.   Rotulación das imaxes utilizando útiles de pintura sobre tea.

 

4.   Coloración e detalles finais para dar vida aos deseños e completar as ilustracións.


 

 

 

Ao rematar o proxecto, fíxose unha exposición onde se mostran todas as bolsas decoradas, converténdoas nunha parte esencial da mostra dos traballos anuais desenvolvidos no Laboratorio das Artes e das Ciencias. Esta exposición permitirá que toda a comunidade educativa poida apreciar o esforzo e a creatividade do alumnado, así como a riqueza cultural que este proxecto promove: bolsas decoradas con referencias culturais galegas e conciencia ambiental.

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario