Como parte do Plan Proxecta "Montentérate", no día de onte, o alumnado do terceiro e cuarto curso de educación primaria, fixeron unha saída didáctica moi interesante. Foron visitar os montes de Matamá, onde coñeceron de primeira man a riqueza patrimonial e natural que ofrecen os montes da nosa cidade. Tamén observamos os distintos usos e aproveitamentos do monte, tanto do presente como do pasado. Fixemos parte do percorrido do sendeiro local Matamá-Comesaña e os lugares que visitamos foron os seguintes:
- a Fraga das Alvorezas.
* Os petróglifos das Millaradas.
Próxima á anterior parada, atopamos os petróglifos das Millaradas. Testemuñas das poboacións neolíticas que habitaron estes montes de Matamá hai arredor de 4000 anos. Os petróglifos son deseños que aparecen gravados nas rochas en moitas zonas de Galicia. Algúns destes deseños son motivos abstractos: coviñas, círculos, liñas... Noutros petróglifos podemos atopar tamén representacións de animais e armas. As tres estacións das Millaradas ofrecen sobre todo motivos abstractos dificiles de interpretar, mais tamén observamos unha rocha na que aparecía un cervo representado. Ten a súa importancia, xa que en todo o concello de Vigo este é o único cervo que aparece nos petroglifos dos montes de Vigo. Non era a mellor hora para ver os petróglifos (o mellor é ir de noite e darlle luz a rentes do chan cun foco) así que para poder revelar os segredos das rochas fixemos un calco sobre un plástico transparente, con moito coidado para non danar a pedra.
* O muíño da Regueira
Deixamos os petróglifos e baixamos máis dun quilómetro ata o lugar de Sanín, no límite de Matamá con Comesaña, onde se atopa o muíño da Regueira. Este muíño estaba feito unha ruína ata que o Colectivo Cultural Alternativo Malaherba e a veciñanza de Matamá se puxeron mans á obra para rehabilitalo. Así, en 2008, o muíño volveu a moer, setenta anos despois. Un deses veciños que participaron na súa reconstrución foi Manuel Costas, que nos estaba agardando no muíño para explicarnos todos os detalles.
* A casa de Manolo
Despois de mostrarnos a todos o muíño e explicarnos cal era o seu funcionamento e o importante papel que desenvolvía nas sociedades de antano, Manolo convidounos á súa casa, onde ten un auténtico museo etnográfico, froito da súa afición a recoller e restaurar aparellos antigos. Na súa casa vimos desde aparellos de labranza (sementadoras, arados,etc), aparellos para os animais (xugos, carros,etc), ferramentas de oficios tradicionais ( zapateiro, ferreiro, canteiro... ) e ata un futbolín de madeira! Tivemos que despedirnos de Manolo antes de puidese mostrarnos todas as cousas que tiña alí, pero así quedamos con ganas de máis e outro día volveremos.
A actividade estivo organizada polo mestre de Educación Física, que a través do proxecto Monteentérate, programou unha andaina de dous kilómetros aproximadamente, na que os rapaces gozaron da natureza e dunha contorna de excelencia.
Nas imaxes podedes descubrir, algunha das cousas que eles viviron.
Se queredes máis información aquí tedes un folleto do sendeiro
Ningún comentario:
Publicar un comentario