Amosando publicacións coa etiqueta 80 ANIVERSARIO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 80 ANIVERSARIO. Amosar todas as publicacións

mércores, 29 de outubro de 2025

28 DE OUTONO, CRÓNICA DUN DÍA INESQUECIBLE NO RESÍO

 



O pasado 28 de outubro vivimos unha xornada intensa e emocionante na nosa escola. O alumnado chegou entusiasmado, lucindo as camisetas conmemorativas do evento, preparadas especialmente para a ocasión.



 Obradoiros para todos os ciclos

Comezamos cunha mañá chea de actividades nos distintos obradoiros:

  • Educación Infantil contou coa marabillosa colaboración da avoa de Leo Barbeito, quen deu vida a Pinky, o trasno da ilusión. Foi unha actuación máxica que fixo as delicias dos máis pequenos. Estamos profundamente agradecidos por contar con familias tan creativas e implicadas.

  • O alumnado de 1º, 2º e 3º de Primaria gozou dunha sesión musical con Erica, que lles amosou, con humildade e paixón, como desfrutar dos instrumentos tradicionais galegos.


  • Mentres tanto, os nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de Primaria viviron unha experiencia única da man de Enrique, representante da Asociación de embarcacións tradicionais de Bouzas. Compartiu con eles lembranzas da súa infancia como fillo de mariñeiros, transportándoos a outra época con emoción e autenticidade. Grazas, Enrique!

Acto institucional

Ás 12:00 deu comezo o acto institucional, precedido por un tempo de lecer. A directora, Ángela, abriu o evento cun emotivo discurso, dando paso a Carlos Fernández Veiga, antigo alumno da escola e bailarín de danza urbana. Carlos actuou acompañado do seu mestre e tres compañeiros, ofrecendo un espectáculo que cautivou a todo o público.


A continuación, Paula Ojea, nai de Estela e Roi, compartiu a súa experiencia como ceramista, a pesar de ser enxeñeira de formación, e fixo unha fermosa defensa do ensino público. Grazas, Paula, polas túas verbas!

Seguiu a intervención da Concelleira, e posteriormente, o noso exalumno Sunil López agasallounos cunha interpretación ao piano. Este instrumento, que leva toda a vida na escola, soou marabillosamente tras unha afinación especial, malia os seus anos e a carcoma. Sunil, aos seus 29 anos, dedica a súa vida á música, e así o demostrou con paixón.

Pechou os discursos o Director Territorial de Educación, completando un acto institucional cheo de emoción e orgullo.

 Música, contada e festa familiar

Para rematar o acto, o alumnado interpretou a canción "Súbete ao Resío", seguida dunha contada da boca de Soledad Felloza, que puxo o broche de ouro á celebración.




Este evento foi posible grazas ao apoio do Concello de Vigo, que subvencionou toda a xornada.

 Festa das castañas e lembranzas

Despois dun ágape coas autoridades, comezou a festa "en familia". Pais e nais encargáronse de asar 50 kg de castañas, adquiridas conxuntamente pola ANPA e a escola, mentres o grupo Pesdelán amenizaba a tarde cun concerto cheo de alegría.



Ás 17:30, celebramos a degustación de castañas, xogos populares organizados polo profesorado, e a ANPA preparou chocolate con churros na cantina. Foi unha tarde fermosa, chea de convivencia e emoción.





Antigos alumnos visitaron as instalacións e gozaron da exposición Lembranzas do Resío, onde se recolleron moitas vivencias e anécdotas dos 80 anos de historia da escola. Moitas lembranzas foron compartidas, e outras quedaron pendentes... porque 80 anos dan para moito.

Goza das imaxes do evento na seguinte ligazón

Mirando cara ao futuro

Teremos que seguir preparando e gardando cousas para conmemorar o centenario da escola que será ao longo do curso  2034/2035.

Grazas a todas as persoas que fixeron posible este día tan especial. Xuntos, construímos memoria, comunidade e futuro.