mércores, 11 de novembro de 2026

PREPARANDO O 25N

Con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, imos realizar unha actividade conxunta no centro baixo o lema “ Mulleres que fan Camiño”, aproveitando a temática do Camiño de Santiago que estamos a traballar neste curso.

Para participar, propoñémos dúas pequenas actividades para realizardes na casa en familia:

  • O noso mollón do Camiño. Cada neno e nena levará un mollón do Camiño de Santiago que deberá completar escollendo unha muller que abrise camiño. Pode ser unha muller coñecida, mais tamén unha avoa, naí, tía ou calquera outra muller da familia que, coa súa historia, esforzo ou valentía abrise camiño para outras personas. Fixádevos no exemplo. (O Marco debe vir recortado e coloreado deste xeito, a estrela lila e a frecha amarela son obligatorias, o resto podedes colorealo como queirades)


  • Un pequeno vídeo: Mulleres que fan Camiño. Coa mesma muller que escollerste para o mollón, pedímosvos que gravedes un vídeo moi breve, en horizontal, no que en familia, se diga unha única frase explicando como abriu camiño. Por exemplo:

    “María abriu camiño coidando da súa familia”

    “Rosalía abriu camiño escribindo en galego”

    Queremos que a rapazada dea voz a estas mulleres e ás súas historias. Por favor, enviádeo ao wasapp da escola, 658715569 antes do 21 de santos.

    O 25 de novembro xuntaremos todos os mollóns para crear o noso propio Camiño das Mulleres e utilizaremos os vídeos para dar a coñecer as súas historias.

    Grazas pola vosa colaboración!

     


     

martes, 10 de novembro de 2026

CHEGOU A FESTA DO MAGOSTO

Na escola celebramos o Magosto cunha mañá chea de actividades, xogos, colaboración e, por suposto, deliciosas castañas!

Nas primeiras horas da mañá, nas aulas estivemos falando desta festa tan tradicional, realizando diferentes actividades e preparando os cornetes nos que degustariamos as castañas.

Mentres tanto, algunhas familias achegáronse á escola para botarnos unha man. Na sala de mestres, 25 kg de castañas achegadas pola ANPA da escola, estaban esperando para ser ataniscadas. Pais, nais, avós e avoas picaron as castañas e prepararon os cornetes para as familias. Despois, na casiña, colocaron os tres asadores e, coa leña que trouxeron as familias, prenderon o lume e prepararon as brasas para asar as castañas.

 

Foi unha mañá de moito traballo e colaboración para que todos e todas puidésemos gozar da festa. Moitísimas grazas ás familias e aos avós pola súa axuda e implicación!, sen eles non sería posible realizala!

E mentres os maiores traballaban, a rapazada non parou de xogar! Divididos en grupos cooperativos de diferentes idades, gozaron dunha chea de xogos e propostas: xogaron aos peóns, subiron aos zancos, tiraron da corda, fixeron carreiras de  sacos, varreron castañas e divertíronse co tragacastañas. Ademais, tamén elaboraron un fermoso diadema deseñado especialmente para a ocasión.

E, por fin, chegou o momento de probar as castañas! Estaban riquísimas! A profe Ángela, coma sempre, encargouse de tisnarnos a cara cos tizóns do Magosto. Caras negras, caras ledas e barriguiñas quentiñas. E alí estaba tamén a nosa castañeira, gozando da festa coma sempre! 

 

Ás 13.00 h chegou outro dos momentos agardados: a hora de papar e bailar! Máis familias achegáronse para compartir connosco esta celebración e gozar dunha festa na que tod@s o pasamos en grande.

Agora toca agardar ata o vindeiro ano para volver render homenaxe a esta tradición tan nosa, que nos reúne arredor do lume e das castañas, e nos regala momentos tan especiais.


 

Pero... queda unha pregunta no aire: que pasará coa nosa castañeira? Hai quen di que está pensando en xubilarse... Será certo? Teremos que agardar ao próximo Magosto para descubrir se volverá acompañarnos!

De momento, quedamos cos bos recordos dunha xornada estupenda, chea de risas e xogos.

 

Grazas a todas as familias por facelo posible! Viva o Magosto e ata o ano que vén!