martes, 4 de marzo de 2014

ENTROIDO, GALICIA 3 6 5


O Entroido é unha festa popular que ten a súa orixe como indicación da fin do inverno e o comezo da primavera. 
Os entroidos máis famosos de Galiza son os ourensáns. Laza, Verín e Xinzo ...



O MerdeiroO ENTROIDO EN VIGO. 
OS MERDEIROS.
 Os nenos e nenas de sexto de primaria, decidiron representar o entroido vigués a través da figura do MERDEIRO. O merdeiro é un personaxe do entroido vigués de caracter popular. Este personaxe prohibiuse a través dun bando municipal na década dos 20, por ser uns personaxes escatolóxicos. 
Esta figura aparece no Berbés e plasma a rivalidade existente entre a xente do mar e a do campo. Os mariñeiros burlábanse dos agricultores,  que baixaban ao porto na busca de vísceras de peixe e algas para abonar os seus campos. Coa chegada do entroido, os mariñeiros, disfrazados de MERDEIROS, ían polas rúas do Casco Vello tirando tripas de peixe podre e molestando a todas aquelas persoas que paseaban polas mesmas. A figura do Merdeiro reaparece na nosa cidade aló polo ano 2006. O Merdeiro dedícase a berrar, insultar,  correr e brincar polas rúas tentando asustar á xente e golpeala coa súa vasoira.

 


"Os merdeiros, a recuperación", é un documental de Breixo Parcero e Vanessa Rodríguez.

 

AS PANTALLAS DE XINZO .


 Os nenos e nenas de quinto de primaria, decidiron disfrazarse este ano de PANTALLAS. Este é o traxe típico do entroido de Xinzo. As Pantallas levan camisa e pantalón brancos, capa, pañoleta, polainas e zapatos negros. Levan posto un faxín, do que colgan unhas campaíñas.
O elemento principal do disfraz son as vexigas que son golpeadas entre sí.
 
A pantalla, faise dunha soa peza, ten cara de diaño. A parte de arriba adórnase con motivos astrais.
A súa función é vixilar que ninguén pasee polas rúas sen disfrace. A quen "pillen", terá que convidar a unha rolda de viño, de non ser así, será perseguido  e levado en brazos ata o bar máis próximo para pagarlle uns viños ás pantallas. 
A pesares de non levar as vexigas, os nenos e nenas de quinto estaban guapísimos.





O ENTROIDO EN VERÍN.
                      OS CIGARRÓNS.


O CIGARRÓN é o personaxe central do entroido en Verín. O traxe pesa arredor de 25 kg.  Non é sinxelo de levar xa que as chocas pesan moitísimo. A carauta é de madeira e se prolonga cunha especie de mitra de metal cun debuxo dun animal.
O traxe está composto por unha camisa branca, unha garavata e unha chaleco curto  atado con fitas de tres cores.
 Levan unha faixa vermella enrolada á cintura. Enriba da faixa levan colgadas as chocas que polo seu peso  dificultan  o movemento.
Para poder levar este traxe, hai que estar moi en forma e para vestirse fai falla que te axuden outras persoas.
O traxe é moi parecido ao do Peliqueiro.Este curso tivemos a gran sorte de contar con catro cigarróns de verdade, pois o pai de Tristán, alumno do segundo curso de Educación Primaria, viu á escola acompañado polo seu irmá, e dous amigos e completaron o noso pasarrúas. Grazas, grazas e grazas. Contamos convosco o vindeiro curso.
Xunto a eles, os nenos e nenas do cuarto curso, desfilaron cos seus marabillosos traxes. Metros e metros de goma azulona utilizaron para facer os volantes, latas e latas de bebidas refrescantes, para convertilas en chocas, e... moita ilusión para facer un disfrace que deleitou a pais, nais e veciños de Bouzas.
Nesta diapositiva podedes comprobar se é certo o que vos conto.

 


 O ENTROIDO NA ALDEA DE BUXÁN. 
O BOLO (OURENSE).




Nos puchos, dos nenos de terceiro,  vese a decoración feita cunhas bonecas e fitas de varias cores. É a  típica máscara de Buxán. Estas máscaras chaman moito a atención, polo  pucho adornado con papeis de cores e fitas brillantes. 
Levan camisa branca e gravata.
Cúbrense cun mantón.
O pantalón tamén é vistoso.
Nas mans levan luvas e nunha delas unha caxata ou espada,  na outra levan un saquiño de fariña. As botas son negras con polainas.
 A máscara é moi bonita como se pode ver nestas fotografías. É ademais rechamante e orixinal.




 



OS LABARDEIROS
NO ENTROIDO
 DE MUGARES, (TOÉN)
  
Labardeiros é o disfrace elixido pola aula de primeiro de educación primaria.

Os traxes son moi vistosos. Os labardeiros van vestidos de branco e na súa camisa e nos pantalóns levan como adorno flores de cores variadas.
 O pantalón vai ata debaixo do xeonllo adobiado de cores variadas. 
A faciana  lévana tapada cunha tea en forma de rede.

Levan posto un pucho con flores e fitas de cores. 

O pasado venres enchemos de cor as rúas de Bouzas. Nas imaxes podedes gozar  co noso pasarrúas.

 

O ENTROIDO DE SARREAUS, 
 OS VERGALLEIROS
O Vergalleiro é o disfrace típico de Sarreaus. O traxe vai composto dunha camisa branca , un pantalón branco con tres fitas entrelazadas en cor verde, negra e vermella. Ademais leva un chaleco de feltro negro e polainas tamén negras con pompóns en vermello que van dende os xeonllos ata os pés. Tamén levan unha faixa de cor vermella con pompóns negros nos extremos. Levan na faixa unhas chocas que lles fan facer ruído alá por onde vaían.
A súa cara é sorrinte. 
Os nenos e nenas de segundo de primaria disfrazaronse destes personaxes. No  pasarrúas  chamaron a atención dos viandantes.







Grazas familias!! 

Sen vós non sería posible que todo fose tan perfecto. 

Grazas familias por acompañarnos no pasarúas por Bouzas!! 
Grazas por participar connosco e trasmitir a toda as persoas da nosa contorna a importancia das nosas festas!! 
Grazas por gozar cos vosos fillos desta festa tan tradicional!

 Viva o ENTROIDO!!

8 comentarios:

  1. que bonito esta el video

    ResponderEliminar
  2. Menudo traballo de recompilación de fotos e información!! Moito traballouse!! noraboa a todos nen@s, familias e mestres por unha festa tan ben feitiña!!

    ResponderEliminar
  3. Que ben creado, organizado e executado, parabens !

    ResponderEliminar
  4. Noa Souto Marquez7 de marzo de 2014, 09:35

    ola, son Noa Souto e encantoume o entroido. O disfraz que máis me gustou foi o de sexto. Os Merdeiros ían moi guapos.

    ResponderEliminar
  5. Eu paseino moi ben. Os disfraces deron moito traballo pero os viandantes demostraron que o noso traballo tivo unha recompensa. Grazas a todos.

    ResponderEliminar
  6. Que ben o pasamos no entroido!!! Moito traballo pero mereceu a pena

    ResponderEliminar