sábado, 24 de outubro de 2026

DÍA DA BIBLIOTECA


O pasado 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas, unha data especial para lembrar a súa importancia. Na biblioteca estamos con compañeiros, aprendemos moitas cousas, descubrimos outras e sobre todo, botamos a voar a nosa imaxinación. Porén, o traballo da nosa biblio non se limita a celebrar este día, unha xornada concreta, senón que continúa día a día, cunha actividade constante que busca achegar os libros á rapazada e converter a lectura nunha compañeira inseparable na súa vida e que lle axudará a crecer como persoas.

Ao longo do curso, a biblioteca convértese nun espazo dinámico e acolledor no que suceden moitas cousas:

  • realizamos empréstitos, 
  • entregamos os carnés de lectores e as carpetas da biblioteca,
  • acompañamos o alumnado nas súas primeiras experiencias lectoras e ofrecemos novas oportunidades para descubrir historias, coñecer  autores e... sobretodo coñecer mundos sorprendentes. 
  • facilitamos o entretenemento cos xogos educativos da nosa Picoludoteca,
  • convocamos torneos de xadrez, parchís, cartas,... 
  • polo Samaín, facemos conxuros de medo,
  • no Nadal, escribimos cartas,
  • resolvemos semanalmente os adiviñas e enigmas do Doutor Bacilus
  • ... e moitas cousas máis.

Celebramos o Día da Biblioteca por todo o alto. Recibimos a Picolindo con moita ilusión. 

Picolindo, encargouse de animar a festa, contaxiando a súa alegría a toda a rapazada. Houbo  moitos momentos para lembrar. Unha celebración chea de ilusión que nos permitiu compartir que pertencemos a unha escola  na que os libros e a lectura son grandes protagonistas.

Picolindo axudounos a entregar carnés e carpetas viaxeiras aos novos usuarios e usuarias,

  repartiu unha maleta viaxeira para cada aula,

  e trouxo todos os libros para os 8 clubs de lectura do alumnado, que, ademais de levar a ansiada lectura, recolleu o novo carné de socio/a. 



Desde a biblioteca escolar seguiremos traballando con ilusión para que os libros estean sempre ao alcance de todos e para que a nosa comunidade educativa continúe medrando arredor da lectura. Agora é o tempo das familias, para eles ofreceremos dúas lecturas para este trimestre. En breve, faremos a primeira xuntanza!

E, por suposto, coa alegría e a enerxía de Picolindo, seguiremos lembrando que ler é unha festa!

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario