xoves, 26 de marzo de 2026

PARTICIPACIÓN NO CONCURSO "O NOSO CANTO" DA CONSELLERÍA DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA

 Participamos na campaña da Xunta polo 8M, ‘O Noso Canto’.



Na escola desenvolveuse a gravación dunha versión da canción “O noso canto", contando co talento e a ilusión do profesorado e do alumnado. O primeiro paso foi analizar os recursos humanos cos que contabamos: persoas que sabían tocar instrumentos e outras con interese e capacidade para cantar. A partir desta análise, organizamos quen se encargaría da interpretación vocal e instrumental.

Dispúxose dunha ampla variedade de instrumentos: pandeiro, pandeireta, piano, viola, xilófono, caixón, óboe e guitarras, o que permitiu enriquecer a nosa proposta musical.

Repartíronse as partituras e as letras, e a canción comezou a escoitarse no fío musical do centro en cada sesión de traballo, favorecendo a súa familiarización.

Nas aulas ensaiamos a canción e, na sesión de música e noutros tempos de lecer e descanso, fixéronse probas e gravacións individuais, e decidiuse como facer un acompañamento coas mans ao retrouso. Poderíase dicir que fomos construíndo a nosa versión pouco a pouco.

Durante o proceso de gravación detectáronse certas limitacións tecnolóxicas, polo que se recorreu ao uso dun iPad. A cámara da que dispoñemos non ten amplitude suficiente. Non dispor de gradas,  condicionou a disposición do alumnado. Estas dificultades foron superadas grazas á colaboración e implicación de todos os participantes.

O proxecto constituíu unha experiencia de traballo colaborativo moi positiva, na que cada persoa achegou o seu papel ao resultado final. Así mesmo, permitiu traballar a importancia da igualdade, promovendo a reflexión sobre a necesidade de construír unha sociedade máis xusta e igualitaria, así como sobre o papel das mulleres na sociedade.

En conclusión, valórase moi positivamente a experiencia, tanto polo  proceso vivido como polo resultado  final acadado.

Consideramos que fixemos un proxecto marabilloso.

Agora, xa podedes gozar do noso traballo!

Canto nos divertimos! 

 

Preme na imaxe para ver o video

Esperamos que vos guste! 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario