Con motivo do Día Internacional da Muller (8M), levamos a cabo na escola moitas actividades. Imos contarvos algunhas delas.
No laboratorio das artes e das ciencias desenvolveuse unha actividade moi especial e significativa. O alumnado, organizado en equipos cooperativos, realizou debuxos nos que se puxo en valor o papel da muller na sociedade. A través das súas creacións, quixeron reflectir como as mulleres, xeración tras xeración, se apoian mutuamente na loita por mellorar a súa situación e por recuperar todos aqueles espazos nos que foron discriminadas polo feito de seren mulleres.
A actividade desenvolveuse baixo a dinámica “traballamos a unha man”: cada grupo, formado por cinco alumnos e alumnas, dispoñía unicamente dun rotulador, fomentando así a colaboración, o respecto e a toma de decisións conxunta. Unha vez finalizado o deseño, procederon a colorealo de maneira colaborativa empregando distintos materiais, o que enriqueceu o resultado final.
Durante o proceso creativo, o ambiente estivo acompañado pola escoita de cancións tradicionais relacionadas con esta data, favorecendo a reflexión e a sensibilización arredor da igualdade.
O alumnado debía pegar unha fotografía ou realizar un debuxo da persoa elixida no mandil. Na parte posterior, decorárono de maneira creativa. Posteriormente, todos os mandís uníronse para transformar a entrada do colexio nun gran “tendal” de mulleres importantes para a nosa comunidade educativa, visibilizando así as súas historias e o seu valor.
O máis importante desta actividade foi poñer en valor que se trata de mulleres que realizan tarefas significativas e que nos amosan que todas as persoas podemos chegar a ser o que queiramos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario