xoves, 26 de novembro de 2026

OBRADOIRO DE ECOPERCUSIÓN EN FAMILIA. ENAPAS


 

Marabillosa! 

 Esta é a palabra que mellor define a experiencia que vivimos onte no obradoiro de ecopercusión con Diddier, ofrecido por ENAPAS.

Pais, nais, nenos e nenas gozamos dunha tarde chea de ritmo, creatividade, aprendizaxe e diversión.

Diddier amosounos como podemos crear instrumentos musicais empregando materiais de refugallo ou obxectos cotiáns que temos ao noso redor: chanclas, tixolas, tubos de PVC, botes de pintura…

 Cun pouco de imaxinación e enxeño, a batucada está servida!

 

Grazas ás familias participantes polo seu entusiasmo e a ENAPAS por facer posible que iniciativas tan enriquecedoras coma esta se desenvolvan na nosa escola.

Aproveitamos tamén a ocasión para compartir unha pequena reflexión construtiva. Dende a escola e a ANPA traballamos con moita ilusión e esforzo para ofrecer propostas que nos permitan aprender, compartir e gozar en comunidade. É unha mágoa que, en ocasións, estas iniciativas non conten coa participación que nos gustaría.

Somos conscientes de que non sempre é doado conciliar, pero animamos as familias a participar activamente nestas propostas, pois a súa implicación é fundamental para seguir construíndo unha escola viva, participativa e aberta a toda a comunidade educativa.

Non esquezamos que, ademais da aprendizaxe, o tempo compartido cos nosos pequenos e pequenas é un dos agasallos máis valiosos que podemos ofrecerlles.

E aquí vos deixamos unha pequena mostra do ben que o pasamos!

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario