martes, 10 de novembro de 2026

CHEGOU A FESTA DO MAGOSTO

Na escola celebramos o Magosto cunha mañá chea de actividades, xogos, colaboración e, por suposto, deliciosas castañas!

Nas primeiras horas da mañá, nas aulas estivemos falando desta festa tan tradicional, realizando diferentes actividades e preparando os cornetes nos que degustariamos as castañas.

Mentres tanto, algunhas familias achegáronse á escola para botarnos unha man. Na sala de mestres, 25 kg de castañas achegadas pola ANPA da escola, estaban esperando para ser ataniscadas. Pais, nais, avós e avoas picaron as castañas e prepararon os cornetes para as familias. Despois, na casiña, colocaron os tres asadores e, coa leña que trouxeron as familias, prenderon o lume e prepararon as brasas para asar as castañas.

 

Foi unha mañá de moito traballo e colaboración para que todos e todas puidésemos gozar da festa. Moitísimas grazas ás familias e aos avós pola súa axuda e implicación!, sen eles non sería posible realizala!

E mentres os maiores traballaban, a rapazada non parou de xogar! Divididos en grupos cooperativos de diferentes idades, gozaron dunha chea de xogos e propostas: xogaron aos peóns, subiron aos zancos, tiraron da corda, fixeron carreiras de  sacos, varreron castañas e divertíronse co tragacastañas. Ademais, tamén elaboraron un fermoso diadema deseñado especialmente para a ocasión.

E, por fin, chegou o momento de probar as castañas! Estaban riquísimas! A profe Ángela, coma sempre, encargouse de tisnarnos a cara cos tizóns do Magosto. Caras negras, caras ledas e barriguiñas quentiñas. E alí estaba tamén a nosa castañeira, gozando da festa coma sempre! 

 

Ás 13.00 h chegou outro dos momentos agardados: a hora de papar e bailar! Máis familias achegáronse para compartir connosco esta celebración e gozar dunha festa na que tod@s o pasamos en grande.

Agora toca agardar ata o vindeiro ano para volver render homenaxe a esta tradición tan nosa, que nos reúne arredor do lume e das castañas, e nos regala momentos tan especiais.


 

Pero... queda unha pregunta no aire: que pasará coa nosa castañeira? Hai quen di que está pensando en xubilarse... Será certo? Teremos que agardar ao próximo Magosto para descubrir se volverá acompañarnos!

De momento, quedamos cos bos recordos dunha xornada estupenda, chea de risas e xogos.

 

Grazas a todas as familias por facelo posible! Viva o Magosto e ata o ano que vén!

Ningún comentario:

Publicar un comentario