mércores, 25 de novembro de 2026

25N DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Hoxe, 25 de novembro, conmemoramos o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, unha data que nos invita a reflexionar, a tomar conciencia e a reafirmar o noso compromiso coa construción dunha sociedade máis xusta, igualitaria e libre de violencia.

Desde a escola temos a responsabilidade de educar no respecto, na igualdade, na empatía e na liberdade, sementando no noso alumnado  os valores necesarios para evitar que feitos tan terribles sigan a acontecer na nosa sociedade.

Hoxe mesmo aparece no xornal que "A violencia machista se salda en Vigo con un recor de denuncias de mulleres". Este ano se rexistraron na nosa cidade 1325 asuntos, aumentando un 7.5% as denuncias por maltrato, e que so na nosa provincia hai 2059 mulleres dentro do programa VioGen. 

Este ano, aproveitando a temática do Camiño de Santiago que estamos a traballar no noso centro, quixemos conmemorar esta data baixo o lema «As mulleres que fan Camiño».

A profe María, creou este video. 


 

Tamén, a través dun vídeo colaborativo, elaborado coa participación do alumnado e das súas familias, queremos dar voz, visibilidade e recoñecemento a todas esas mulleres que abriron e seguen a abrir camiño.


 

Non só a grandes referentes da nosa historia, como Rosalía de Castro, Concepción Arenal ou Maruxa Mallo, senón tamén ás mulleres que nos acompañan cada día: as nosas nais, avoas, tías, irmás, veciñas… Mulleres que, co seu esforzo, valentía, traballo e perseveranza, contribúen a transformar a sociedade e a avanzar cara á igualdade real.

 

 


Cada neno e nena elaborou un mollón do Camiño dedicado a unha destas mulleres, recollendo a súa imaxe e unha pequena mensaxe sobre a súa historia e a súa contribución. Xuntos, todos estes mollóns formarán o noso particular Camiño das Mulleres, un percorrido simbólico de recoñecemento, memoria, gratitude e esperanza.


 

Hoxe, ás 12:00 horas, todo o alumnado e profesorado unirase nun acto colectivo e reivindicativo para alzar a voz contra calquera forma de violencia machista e reafirmar o noso compromiso coa igualdade.

Cantaremos conxuntamente a canción MATRIARCAS de Guadi Galego. 

Sigamos facendo camiño, xuntas e xuntos, cara a un futuro no que ningunha muller teña que vivir con medo e no que todas as persoas poidan medrar e vivir en liberdade.

 




Ningún comentario:

Publicar un comentario