xoves, 21 de maio de 2026

HOXE VISÍTANOS... ANXO IGLESIAS

 


O alumnado de sexto curso de Educación Primaria recibiu na biblioteca do centro a visita do escritor e mestre Anxo Iglesias, autor de Nova dimensión, unha obra que foi lida, comentada e traballada ao longo das últimas semanas por todos os grupos do nivel.

 

Durante o encontro, Anxo compartiu coa rapazada a súa paixón pola palabra, xogando coa poesía e convidándoos a descubrir novas formas de expresarse a través da literatura. Tamén lles falou do proceso de creación da súa obra, respondeu con entusiasmo ás preguntas formuladas polo alumnado e participou en diversas actividades relacionadas co libro.

 

Foi unha xornada moi enriquecedora e especial, na que os nenos e nenas tiveron a oportunidade de achegarse dun xeito próximo e directo ao mundo da literatura e de coñecer de primeira man o labor creativo dun escritor.

 

A visita rematou cun momento moi agardado: a sinatura personalizada dos exemplares do libro. Un detalle que, sen dúbida, converterá esta experiencia nun recordo inesquecible para todos e todas.

 

Queremos agradecerlle a Anxo Iglesias a súa cercanía, a súa xenerosidade e o tempo compartido co noso alumnado. Así mesmo, expresamos o noso agradecemento a Xerais por facer posible este fermoso encontro arredor da lectura e da creación literaria.

 

martes, 19 de maio de 2026

HOXE VISÍTANOS... FINA CASALDERREY

 



 
Tamén tivemos a visita de outra GRANDE das nosa Letras: Fina Casalderrey. 

O alumnado do 1⁰ ciclo falou con ela de "Quen me quere adoptar" no que un avó pon un anuncio no xornal para buscar unha familia.

 
 
 
 
 
 O de 5⁰ conversou sobre "Dúas bágoas por máquina", un can que desaparece e os seus donos emprenden unha busca incansable. Ámbalas dúas obras inspiradas en feitos reais. Xogamos con ela a crear metáforas e falamos de plaxios e da importancia de documentarnos antes de escribir. Se chega a ser mais longo o faladoiro saimos tod@s escritor@s. Moitas grazas, Fina. Sabes q aquí tes unha morea de netas e netos adoptivos para cando precises dar aloumiños.
 

HOXE VISÍTANOS... EVA MEJUTO


 
Hoxe visitounos a escritora Eva Mejuto. Veu falar co alumnado de 4⁰ do seu libro Queco e Kika. 
 
 
Coñecemos en foto aos animais nos que se inspirou, as súas mascotas. Falamos de   técnicas de escritura como as multiperspetiva e démoslle ideas moi chulis para a seguinte aventura, que xa nos tarda.
Moitas grazas, Eva!









 

sábado, 16 de maio de 2026

II ROMARÍA DO RESÍO: unha xornada máxica para lembrar

E chegou, por fin, a data tan agardada. Despois de semanas de preparativos, ilusión e traballo, o venres 15 de maio celebrouse a II Romaría do Resío, unha festa na que celebramos a festa tradicional dos  Maios e o Día das Letras Galegas. Esta data encheu a nosa escola de tradición, música, creatividade e convivencia.


 

A mañá amenceu gris e ameazando choiva, polo que tivemos que activar os nosos dous plans: o plan de bo tempo e o plan alternativo por se a choiva facía acto de presenza. Coa incerteza no ceo, pero con moita ilusión, ás nove da mañá comezamos a desenvolver o programa intenso da xornada. 

Un xoves de preparación e colaboración

O día anterior, xoves 14 de maio, as aulas convertéronse en pequenos obradoiros cheos de actividade. As familias colaboraron na preparación da base do maio e achegaron flores, verde e ovos baleiros, fundamentais para dar forma ao noso maio.

 

Ao longo da mañá, de 12:00 a 13:10 horas, o alumnado elaborou grilandas de flores e ovos coa axuda do profesorado, enchendo cada recuncho de cor. Unha vez máis, a implicación das familias e do equipo docente foi esencial para facer posible esta celebración.

O maio ergueuse entre cancións e sorrisos

O venres, ás 8:00 da mañá, colocáronse os caixóns do escenario no exterior, confiando en que o tempo nos daría unha tregua.

Entre as 9:15 e as 10:00, no patio de Infantil, levouse a cabo a montaxe do maio. Acompañando este momento tan especial, todo o alumnado interpretou a canción “Levántate Maio”, co retrouso preparado por cada aula.


 Despois, o maio percorreu o patio da escola nun paseo cheo de simbolismo, música e emoción.

 

  

Merenda popular e espírito romeiro

 

Ás 10:00 horas chegou un dos momentos máis agardados: a merenda popular no xardín da escola.

Todo o alumnado acudiu vestido para a ocasión: pantalón vaqueiro, camiseta branca e a viseira da romaría, elaborada grazas á subvención municipal e protagonizada pola nosa querida mascota, Picolindo.

As mantiñas cubriron a herba e as merendas compartidas convertéronse nun espazo de encontro, risas e convivencia. Un deses momentos sinxelos que gardan a verdadeira esencia da escola.

Obradoiros para aprender, crear e xogar

Ás 11:00 horas comezaron os obradoiros interniveis.

O alumnado de Infantil e 1º de Primaria participou en catro propostas:

  • Arxila
  • Chapas
  • Romeiros e romeiras
  • Xogo da rá

O resto dos grupos interniveis gozou de oito obradoiros:

  • Coiro
  • Redeiras
  • Romeiros e romeiras
  • Chapas
  • Chave
  • As letras de Begoña Caamaño
  • Fungagatos
  • Zancos

Os obradoiros de arxila, coiro e redeiras foron impartidos por Barafunda e subvencionados polo Concello, achegando ao alumnado oficios tradicionais e experiencias únicas, o resto foron organizados e desenvoltos polo profesorado.


FUNGAGATOS
REDEIRAS

 

ROMEIROS E ROMEIRAS
CHAPA
OBRADOIRO COIRO

CARTACES LETRAS GALEGAS

 

A choiva non puido coa festa

Cando todo estaba preparado para a gran festa rachada no exterior, coa actuación de Acordeireta no escenario e coa presenza da Concelleira de Educación, a choiva fixo a súa aparición.

Mais, lonxe de deslucir a celebración, a comunidade educativa reaccionou con rapidez e ilusión. Todos nos trasladamos ao ximnasio, que en poucos minutos se converteu nun verdadeiro palco de festa.

O alumnado de 4º de Primaria interpretou, como xa é tradición, o fermoso baile das fitas, enchendo o espazo de cor e harmonía.


 

A continuación, a música tradicional con Patricia e Alex, ACORDEIRETA,  fixo cantar e bailar a toda a comunidade con pezas como Ondiñas veñen e van, A saia de Carolina, Loitar cantando e Canto da esperanza.

 


Unha estrea emocionante

Un dos momentos máis especiais da xornada foi a estrea da canción “Sempre Begoña Caamaño”, interpretada por primeira vez en público por Patricia González e Alejandro Balbuena.

Durante días, o alumnado preparara esta actuación en segredo como homenaxe á autora protagonista das Letras Galegas. O resultado foi simplemente extraordinario: emotivo, fermoso e inesquecible.


 

O Banco onde pasan cousas máxicas

Como broche de ouro, recibimos a visita do alcalde da cidade, Abel Caballero, quen compartiu unhas verbas de agarimo co alumnado,

 


 Cantou con nós o Himno Galego,

 e participou nun momento moi especial: a inauguración do Banco onde pasan cousas máxicas. 

Acompañado por Paula Ojea e lucindo a viseira do Resío, deu a coñecer este fermoso proxecto colaborativo, nacido ao abeiro dos programas de inclusión educativa e da Biblioteca Creativa.


 

Grazas por facer posible esta festa

A II Romaría do Resío foi moito máis ca unha celebración: foi unha mostra de comunidade, tradición e escola viva.

Grazas ao alumnado pola súa ilusión, ás familias pola súa colaboración constante, ao profesorado polo enorme traballo realizado e ao Concello polo seu apoio.

Levamos connosco o recordo dunha xornada chea de emocións, música e momentos máxicos.

E xa estamos contando os días para a chegada da III Romaría do Resío.

O Concello agasallounos con bolsas da homenaxeada das Letras 2026. 



 


mércores, 13 de maio de 2026

HOXE VISÍTANOS... ANGIE ROA


 

Hoxe tivemos a sorte de contar na escola coa visita da ilustradora e escritora Angie Roa, autora do libro Noa.

Angie é unha artista moi nova á que lle apaixoa debuxar coa súa tableta gráfica. Desde pequena mostrou un gran interese polo debuxo e pola creación de historias, unha paixón que foi cultivando e segue a cultivar.

 

Con tan só vinte e cinco anos, recibiu o VI Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético pola súa obra Noa e a cidade sen maxia, un recoñecemento que lle permitiu publicar o seu primeiro cómic. Sen dúbida, este é só o comezo dunha prometedora traxectoria artística e literaria.

 

Durante a súa visita, compartiu co alumnado a súa experiencia como ilustradora e escritora, achegándonos ao proceso creativo que hai detrás dunha banda deseñada e animándonos a perseguir os nosos soños con ilusión e constancia.

Encantounos coñecer o teu traballo e aprender contigo. Moitas grazas pola túa visita, Angie, e moita sorte nos proxectos que están por vir!






sábado, 9 de maio de 2026

CLUB DE LECTURA: PAPÁ CANIVAL

 


Os grupos do club de lectura "Papá caníbal" disfrutamos moito con Fedora e seu pai. Tanto que imaxinamos variadas combinacións de cores para os seus xerseis. Algunha avoa axudounos incluso a tecer mini xerseis e chaquetas. Nas nosas mentes quedaron esas primeiras verbas de Fedora falando d@s compañeir@s "normais" da escola. 

Así q tamén nos puxemos a buscar outras historias da nosa biblio nas q se fala de acoso escolar. Hai tantas q preparamos un folleto para compartir con toda a comunidade para o día contra o acoso.
 

venres, 8 de maio de 2026

HOXE VISÍTANOS... MIGUEL ALONSO DIZ


 O alumnado de 3°EP tivo hoxe un marabilloso encontro con Miguel Alonso, autor do libro que traballaron durante o curso "Axencia Galega de Asuntos Máxicos". 
 
 
 
Fixéronlle moitas preguntas, o autor dedicoulles os libros e todos saíron sendo socios da AGAM.


Miguel Alonso Diz é un escritor galego que tamén destaca como contacontos.  Naceu en Madrid en 1976, pero está moi vinculado a Galicia; traballa moito con nen@s e moz@s, facendo obradoiros de escrita, narración oral e promoción da lingua galega. 

 

Encántalle mesturar fantasía, emocións, valores humanos e elementos da mitoloxía galega. 

Moitas grazas a Miguel Alonso da nosa parte.
 
 

xoves, 7 de maio de 2026

HOXE VISÍTANOS... ANAIR RODRÍGUEZ E DAVÍD RODRÍGUEZ

  

Anair Rodríguez, visita a nosa escola da man da Editorial Xerais, para falar cos cativos da escola da súa Guía Ilustrada dos seres fantásticos qaue viven en Galicia acompañada do seu irmá David Rodríguez, ilustrador da súa obra. Contáronnos cómo se fai un libro dende que se ten a idea ata que chega ás nosas mans. 

 Anair é viguesa, nada no ano 1978 que é coñecida sobre todo polos seus libros infantís e xuvenís de divulgación cultural e histórica. A súa obra máis famosa é Pioneiras. Galegas que abriron camiño, onde conta a historia de mulleres galegas que foron pioneiras en diferentes ámbitos, como o xornalismo, a ciencia ou a navegación.


Aos cativos encantoulles todas as critaturas da mitoloxía galega e deixou no aire que poida facer unha segunda parte.  

David Rodríguez debuxounos varios personaxes e explicounos como elabora as súas ilustracións  a través dunha tableta gráfica.

Entregámoslles un traballiño... FEITO A MAN

 Eles, asinaron o noso libro e nos agasallaron tamén cunha ilustración fermosa.


 

sábado, 2 de maio de 2026

A TÚA MAN O TEU ESCUDO

 Mestres e alumnado celebran o DÍA INTERNACIONAL CONTRA O ACOSO ESCOLAR que se celebra o 2 de maio, cunha iniciativa impulsada por FOANPAS.

Todos e todas coa máscara que levaba por lema A TÚA MAN, O TEU ESCUDO. Logo creamos unha cadea humana ao ritmo de Natalia Jiménez coa canción "Creo en mi". O SILENCIO NON É A SOLUCIÓN.