sábado, 16 de maio de 2026

II ROMARÍA DO RESÍO: unha xornada máxica para lembrar

E chegou, por fin, a data tan agardada. Despois de semanas de preparativos, ilusión e traballo, o venres 15 de maio celebrouse a II Romaría do Resío, unha festa na que celebramos a festa tradicional dos  Maios e o Día das Letras Galegas. Esta data encheu a nosa escola de tradición, música, creatividade e convivencia.


 

A mañá amenceu gris e ameazando choiva, polo que tivemos que activar os nosos dous plans: o plan de bo tempo e o plan alternativo por se a choiva facía acto de presenza. Coa incerteza no ceo, pero con moita ilusión, ás nove da mañá comezamos a desenvolver o programa intenso da xornada. 

Un xoves de preparación e colaboración

O día anterior, xoves 14 de maio, as aulas convertéronse en pequenos obradoiros cheos de actividade. As familias colaboraron na preparación da base do maio e achegaron flores, verde e ovos baleiros, fundamentais para dar forma ao noso maio.

 

Ao longo da mañá, de 12:00 a 13:10 horas, o alumnado elaborou grilandas de flores e ovos coa axuda do profesorado, enchendo cada recuncho de cor. Unha vez máis, a implicación das familias e do equipo docente foi esencial para facer posible esta celebración.

O maio ergueuse entre cancións e sorrisos

O venres, ás 8:00 da mañá, colocáronse os caixóns do escenario no exterior, confiando en que o tempo nos daría unha tregua.

Entre as 9:15 e as 10:00, no patio de Infantil, levouse a cabo a montaxe do maio. Acompañando este momento tan especial, todo o alumnado interpretou a canción “Levántate Maio”, co retrouso preparado por cada aula.


 Despois, o maio percorreu o patio da escola nun paseo cheo de simbolismo, música e emoción.

 

  

Merenda popular e espírito romeiro

 

Ás 10:00 horas chegou un dos momentos máis agardados: a merenda popular no xardín da escola.

Todo o alumnado acudiu vestido para a ocasión: pantalón vaqueiro, camiseta branca e a viseira da romaría, elaborada grazas á subvención municipal e protagonizada pola nosa querida mascota, Picolindo.

As mantiñas cubriron a herba e as merendas compartidas convertéronse nun espazo de encontro, risas e convivencia. Un deses momentos sinxelos que gardan a verdadeira esencia da escola.

Obradoiros para aprender, crear e xogar

Ás 11:00 horas comezaron os obradoiros interniveis.

O alumnado de Infantil e 1º de Primaria participou en catro propostas:

  • Arxila
  • Chapas
  • Romeiros e romeiras
  • Xogo da rá

O resto dos grupos interniveis gozou de oito obradoiros:

  • Coiro
  • Redeiras
  • Romeiros e romeiras
  • Chapas
  • Chave
  • As letras de Begoña Caamaño
  • Fungagatos
  • Zancos

Os obradoiros de arxila, coiro e redeiras foron impartidos por Barafunda e subvencionados polo Concello, achegando ao alumnado oficios tradicionais e experiencias únicas, o resto foron organizados e desenvoltos polo profesorado.


FUNGAGATOS
REDEIRAS

 

ROMEIROS E ROMEIRAS
CHAPA
OBRADOIRO COIRO

CARTACES LETRAS GALEGAS

 

A choiva non puido coa festa

Cando todo estaba preparado para a gran festa rachada no exterior, coa actuación de Acordeireta no escenario e coa presenza da Concelleira de Educación, a choiva fixo a súa aparición.

Mais, lonxe de deslucir a celebración, a comunidade educativa reaccionou con rapidez e ilusión. Todos nos trasladamos ao ximnasio, que en poucos minutos se converteu nun verdadeiro palco de festa.

O alumnado de 4º de Primaria interpretou, como xa é tradición, o fermoso baile das fitas, enchendo o espazo de cor e harmonía.


 

A continuación, a música tradicional con Patricia e Alex, ACORDEIRETA,  fixo cantar e bailar a toda a comunidade con pezas como Ondiñas veñen e van, A saia de Carolina, Loitar cantando e Canto da esperanza.

 


Unha estrea emocionante

Un dos momentos máis especiais da xornada foi a estrea da canción “Sempre Begoña Caamaño”, interpretada por primeira vez en público por Patricia González e Alejandro Balbuena.

Durante días, o alumnado preparara esta actuación en segredo como homenaxe á autora protagonista das Letras Galegas. O resultado foi simplemente extraordinario: emotivo, fermoso e inesquecible.


 

O Banco onde pasan cousas máxicas

Como broche de ouro, recibimos a visita do alcalde da cidade, Abel Caballero, quen compartiu unhas verbas de agarimo co alumnado,

 


 Cantou con nós o Himno Galego,

 e participou nun momento moi especial: a inauguración do Banco onde pasan cousas máxicas

Acompañado por Paula Ojea e lucindo a viseira do Resío, deu a coñecer este fermoso proxecto colaborativo, nacido ao abeiro dos programas de inclusión educativa e da Biblioteca Creativa.


 

Grazas por facer posible esta festa

A II Romaría do Resío foi moito máis ca unha celebración: foi unha mostra de comunidade, tradición e escola viva.

Grazas ao alumnado pola súa ilusión, ás familias pola súa colaboración constante, ao profesorado polo enorme traballo realizado e ao Concello polo seu apoio.

Levamos connosco o recordo dunha xornada chea de emocións, música e momentos máxicos.

E xa estamos contando os días para a chegada da III Romaría do Resío.


Ningún comentario:

Publicar un comentario