Ao longo deste curso achegámonos á figura de Antonio Gaudí, un dos arquitectos máis importantes e recoñecidos da historia. Este ano lembramos de maneira especial a súa figura ao celebrarse o centenario do seu pasamento, unha oportunidade perfecta para coñecer mellor a súa vida e a súa extraordinaria obra.
A través de conversas na aula, vídeos, lecturas e diferentes actividades, a rapazada descubriu quen foi Gaudí, como era a Barcelona da súa época e por que as súas construcións continúan sorprendendo persoas de todo o mundo. Chamounos especialmente a atención a súa capacidade para observar a natureza e inspirarse nela para crear edificios únicos, cheos de formas orgánicas, cor e luz.
Tamén coñecemos unha das técnicas máis características da súa obra, o trencadís, un tipo de mosaico elaborado con fragmentos de azulexos e cerámica que empregou para decorar moitos dos seus edificios e esculturas. Esta técnica serviunos para reflexionar sobre a creatividade, a reutilización de materiais e a importancia da arte como forma de expresión.
Durante as nosas investigacións descubrimos tamén a fascinación que Gaudí sentía polos dragóns, figuras que aparecen en varias das súas creacións máis coñecidas e que están relacionadas coa lenda de San Xurxo, patrón de Cataluña. Esta curiosidade inspirou boa parte das actividades desenvolvidas no centro.
O alumnado de terceiro curso está a traballar a reciclaxe a través da creación artística, tomando como referencia os dragóns e os libros desta temática presentes na biblioteca escolar. Os nenos e nenas están a recrear as portadas dalgunhas destas obras, combinando lectura, arte e reutilización de materiais nun proxecto cheo de imaxinación e creatividade.
Pola súa banda, o resto dos cursos tamén quixo sumarse a esta homenaxe a Gaudí incorporando pequenos dragóns nas súas producións artísticas. Así, entre murais, debuxos e traballos plásticos, os dragóns fóronse agochando por diferentes recunchos da aula de plástica, converténdose nun divertido fío condutor que une as creacións do alumnado e que nos invita a observar con atención cada unha delas.
Entre todas as súas creacións, dedicamos unha atención especial á Basílica da Sagrada Familia, a súa obra máis coñecida e o proxecto ao que dedicou os últimos anos da súa vida. O alumnado descubriu que Gaudí chegou a entregarse por completo á construción deste templo, dedicándolle todos os seus esforzos e converténdoo na gran obra da súa vida.
Como peche deste traballo, o alumnado do quinto e sexto cursos de primaria elaboraron de xeito colaborativo un fermoso mural no corredor do andar baixo inspirado na obra do arquitecto, enchendo o espazo de cor, mosaicos e formas que evocan o seu estilo inconfundible.
Aínda nos quedan moitas cousas por descubrir sobre este xenio da arquitectura. Por iso, o vindeiro curso seguiremos investigando, creando e aprendendo arredor da súa vida e do extraordinario legado artístico que nos deixou.






Ningún comentario:
Publicar un comentario