O pasado 28 de outubro vivimos unha xornada intensa e emocionante na nosa escola. O alumnado chegou entusiasmado, lucindo as camisetas conmemorativas do evento, preparadas especialmente para a ocasión.
Obradoiros para todos os ciclos
Comezamos cunha mañá chea de actividades nos distintos obradoiros:
Educación Infantil contou coa marabillosa colaboración da avoa de Leo Barbeito, quen deu vida a Pinky, o trasno da ilusión. Foi unha actuación máxica que fixo as delicias dos máis pequenos. Estamos profundamente agradecidos por contar con familias tan creativas e implicadas.
O alumnado de 1º, 2º e 3º de Primaria gozou dunha sesión musical con Erica, que lles amosou, con humildade e paixón, como desfrutar dos instrumentos tradicionais galegos.
Mentres tanto, os nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de Primaria viviron unha experiencia única da man de Enrique, representante da Asociación de embarcacións tradicionais de Bouzas. Compartiu con eles lembranzas da súa infancia como fillo de mariñeiros, transportándoos a outra época con emoción e autenticidade. Grazas, Enrique!
Acto institucional
Ás 12:00 deu comezo o acto institucional, precedido por un tempo de lecer. A directora, Ángela, abriu o evento cun emotivo discurso, dando paso a Carlos Fernández Veiga, antigo alumno da escola e bailarín de danza urbana. Carlos actuou acompañado do seu mestre e dous compañeiros, ofrecendo un espectáculo que cautivou a todo o público.
A continuación, Paula Ojea, nai de Estela e Roi, compartiu a súa experiencia como ceramista, a pesar de ser enxeñeira de formación, e fixo unha fermosa defensa do ensino público. Grazas, Paula, polas túas verbas!
Seguiu a intervención da Concelleira, e posteriormente, o noso exalumno Sunil López agasallounos cunha interpretación ao piano. Este instrumento, que leva toda a vida na escola, soou marabillosamente tras unha afinación especial, malia os seus anos e a carcoma. Sunil, aos seus 29 anos, dedica a súa vida á música, e así o demostrou con paixón.
Pechou os discursos o Director Territorial de Educación, completando un acto institucional cheo de emoción e orgullo.
Música, contada e festa familiar
Para rematar o acto, o alumnado interpretou a canción "Súbete ao Resío", seguida dunha contada da boca de Soledad Felloza, que puxo o broche de ouro á celebración.
Este evento foi posible grazas ao apoio do Concello de Vigo, que subvencionou toda a xornada.
Festa das castañas e lembranzas
Despois dun ágape coas autoridades, comezou a festa "en familia". Pais e nais encargáronse de asar 50 kg de castañas, adquiridas conxuntamente pola ANPA e a escola, mentres o grupo Pesdelán amenizaba a tarde cun concerto cheo de alegría.
Ás 17:30, celebramos a degustación de castañas, xogos populares organizados polo profesorado, e a ANPA preparou chocolate con churros na cantina. Foi unha tarde fermosa, chea de convivencia e emoción.
Antigos alumnos visitaron as instalacións e gozaron da exposición Lembranzas do Resío, onde se recolleron moitas vivencias e anécdotas dos 80 anos de historia da escola. Moitas lembranzas foron compartidas, e outras quedaron pendentes... porque 80 anos dan para moito.
Goza das imaxes do evento na seguinte ligazón

.png)
Ningún comentario:
Publicar un comentario