Na Escola do Resío xa arrecende a Nadal. Nestas datas tan especiais para as familias, o centro énchese de vida, ilusión e cor, converténdose nun espazo no que aprender tamén significa convivir, crear e desfrutar xuntos.
Como vén sendo tradición, aulas e corredores vístense para a ocasión:
- os vidros
pintados, unha das actividades plásticas máis agardadas polo alumnado,

- as aulas decoradas con esmero,
- os corredores ambientados e,
- un hall de entrada que
destaca polo seu carácter acolledor e creativo, froito do traballo conxunto de
toda a comunidade educativa.
Se na nosa cidade as rúas brillan con millóns de luces, na nosa escola son as oliveiras as que nos reciben cheas de luz. Ao acceder ao centro, atopámonos cunha gran árbore temática de Nadal, símbolo dun Nadal “feito a man”, construído con ilusión e colaboración entre alumnado, profesorado e familias.
Queremos agradecer especialmente a estas últimas a súa implicación, achegando unha gran variedade de adobíos elaborados en familia con materiais naturais.
Xunto á árbore, cobran protagonismo outros elementos singulares: o Apalpador, figura destacada do Nadal galego; a cheminea, a grande estrela construída con cabaletes de madeira e a casiña do Nadal, que esperta a curiosidade de grandes e pequenos.
Durante estes días tamén traballamos valores fundamentais. O alumnado escribiu cartas de desexos non materiais e deseñou a postal de Nadal coa que o centro felicitará as festas ás familias. Tras unha preselección, os propios nenos e nenas participaron nun proceso democrático de votación para elixir os debuxos de cada ciclo que conforman a postal deste ano.
















Ningún comentario:
Publicar un comentario