venres, 8 de novembro de 2013

12 de santos do 2013. MAGOSTO.


O magosto tradicional, enténdese como unha merenda, a base de castañas asadas. Adoita celebrarse no mes de novembro, arredor do San Martiño. Acéndese un lume, ata facer brasas, enriba delas póñense as grellas ou tambores furados, coas castañas dentro, vaiselles dando volta cun pao ata que estean ben asadas. Namentres, os demais participantes da festa, buscan un sitio axeitado para comelas. E, por suposto, a festa non sería tal sen contar coa práctica de distintos xogos: a corda, a petanca, a ra, xogos con aros, o brilé, o pano,...



Para facer esta festa é preciso que as familias colaboren coa ACHEGA DE CASTAÑAS. Precisamos que cada familia mande unhas poucas. Estas, deberán estar atasnicadas,  para que non estoupen no lume, e deixaranse nunha caixa que estará en cada unha das aulas, os días 11 e 12 de novembro. Moitas grazas.

 O programa previsto para o martes será:
11.30 a 12.30 h. Xogos populares para Educación Infantil e Educación Primaria.
12.30 a 14.00 h. Reparto de castañas.
 As familias que o desexen, poderán participar no asado das castañas poñéndose en contacto coa ANPA e o resto poderán acceder á escola a partir das 12.30 h.
Nas aulas, xa estamos a traballar esta festa tradicional con adiviñas, refráns, cantigas,... 



ADIVIÑA:

ALTO ESTOU
COR DE OURO TEÑO
E POR UNHA RISOTADA
PERDO O QUE TEÑO.


REFRÁNS: 

AS CASTAÑAS QUE DESPOIS DO SAN MARTIÑO QUEDAN NO SOUTO, SON DO MOUCHO. 

POLO SAN CIBRÁN CASTAÑAS MADURAS NA MAN.

SE XANTAS CASTAÑAS, DE VISITA NON VAIAS.

CASTAÑIÑAS A ROER, PIOLLIÑOS A NACER.

Ningún comentario:

Publicar un comentario