mércores, 24 de decembro de 2025

A VOZ DO RESÍO, PRIMEIRO PROGRAMA

 Como remate deste primeiro trimestre, no novo programa de Radio Resío facemos un resumo dos acontecementos que tiveron lugar na nosa escola ao longo deste outono. Agardamos que vos guste.

PREME AQUÍ PARA ESCOITAR O PROGRAMA

martes, 16 de decembro de 2025

PREMIOS SOSTENIBILIDADE ATLÁNTICO DIARIO

 


Hoxe fíxose entrega dos premios ao alumnado participante no concurso de sostenibilidade do Atlántico Diario. 

A nosa escola, ten a cinco alumn@s gañadores:

  • Fernando Blanco
  • Roi Ojea
  • Ane Cid
  • Ariadna Pereira e, 
  • Iria Enríquez

NORABOA aos cinco! 

O agasallo foi entregado polo alcalde da cidade D. Abel Caballero, e aquí tedes os seus traballos. 



FERNANDO BLANCO

IRIA ENRÍQUEZ

ROI OJEA

 

luns, 15 de decembro de 2025

O RESÍO ARRECENDE A NADAL


Na Escola do Resío xa arrecende a Nadal. Nestas datas tan especiais para as familias, o centro énchese de vida, ilusión e cor, converténdose nun espazo no que aprender tamén significa convivir, crear e desfrutar xuntos.

Como vén sendo tradición, aulas e corredores vístense para a ocasión:

  •  os vidros pintados, unha das actividades plásticas máis agardadas polo alumnado, 



  •  as aulas decoradas con esmero,
  •  os corredores ambientados e,
  • un hall de entrada que destaca polo seu carácter acolledor e creativo, froito do traballo conxunto de toda a comunidade educativa. 




Se na nosa cidade as rúas brillan con millóns de luces, na nosa escola son as oliveiras as que nos reciben cheas de luz. Ao acceder ao centro, atopámonos cunha gran árbore temática de Nadal, símbolo dun Nadal “feito a man”, construído con ilusión e colaboración entre alumnado, profesorado e familias. 

Queremos agradecer especialmente a estas últimas a súa implicación, achegando unha gran variedade de adobíos elaborados en familia con materiais naturais.




Xunto á árbore, cobran protagonismo outros elementos singulares: o Apalpador, figura destacada do Nadal galego; a cheminea, a grande estrela construída con cabaletes de madeira e a casiña do Nadal, que esperta a curiosidade de grandes e pequenos.

 




Durante estes días tamén traballamos valores fundamentais. O alumnado escribiu cartas de desexos non materiais e deseñou a postal de Nadal coa que o centro felicitará as festas ás familias. Tras unha preselección, os propios nenos e nenas participaron nun proceso democrático de votación para elixir os debuxos de cada ciclo que conforman a postal deste ano. 












 

mércores, 10 de decembro de 2025

XOGOS EN FAMILIA

 

Hoxe tivemos a sorte de contar na escola cun obradoiro de xogos de mesa en familia,  de 16h. a 18.30h. Este obradoiro foi impartido por Andrea MINIMONSTROS, profesional do sector dos xogos de mesa.


Co obradoiro pretendimos fomentar o vínculo familiar e a diversión en familia a través do xogo, traballar habilidades sociais, cognitivas e motoras da rapazada e  promover a cooperación, o respeto e a comunicación positiva.

 Tamén quixemos dar a coñecer xogos de mesa que favorecen a lectoescritura, a competencia matemática e o pensamiento lóxico.



Houbo xogos para todas as idades e familias. Xogamos con:

  • Tu cabra rema
  • varios xogos de IQ LOVE, de lóxica e resolución de problemas.
  • De uvas a peras
  • Brick Like This! de Lego
  • Crash cats challenge
  • Batalla de genios
  • Secret number
  • Secret word
  • Crazy kick
  • Spilsh splash
  • Magicaboo
  • Mucho cucurucho
  • Bim bam
  • Halli galli, entre outros.

E o máis importante, pasamos unha tarde moi divertida de xogos.

As inscripcións fixeronse a través dun formulario de AbalarBox con 55  participantes entre os membros das familias mailo profesorado. A organización do obradoiro fíxose grazas a colaboración da Dirección da escola, a ANPA, ENAPAS, e o CFR de Vigo.

O profesorado aproveitou para falar tamén doutros xogos, facer unha selección e pedirlle aos Reis Magos unha pequena ludoteca para a biblioteca. Serán quen de conseguilo?

 

Xogar en familia a través de actividades desenchufadas, como os xogos de mesa non tradicionais, non debería ser unha experiencia puntual ligada a unha tarde especial de xogos na escola, senón unha práctica habitual nos fogares. Cando estas actividades se incorporan á rutina familiar, convértense nunha ferramenta educativa de gran valor.

A través do xogo, os nenos e nenas aprenden a seguir normas e quendas, a aceptar límites desde unha disciplina positiva e a xestionar emocións como a frustración, a espera ou a alegría compartida.

Estas aprendizaxes, vividas nun clima afectivo e de benestar, facilitan que poidan trasladar o respecto polas regras e pola convivencia á súa vida diaria, comprendendo a importancia das normas que, como sociedade, temos establecidas.

martes, 25 de novembro de 2025

CELEBRAMOS O 25N: TECENDO UN MUNDO SEN VIOLENCIA

Hoxe, na nosa escola, vivimos unha xornada moi especial e profundamente significativa. O 25 de novembro é unha data que nos lembra a urxencia de construír un mundo libre de violencia, un mundo no que cada persoa poida vivir con respecto, dignidade e igualdade.

Durante máis de dez días, o alumnado coas súas familias,  estivo creando pequenos cadros tecidos que, esta mañá, se uniron no ximnasio para formar un gran tapiz no que se lía claramente 25N.

 Un símbolo colectivo que representa a forza da unión e o compromiso da comunidade educativa contra a violencia de xénero.

Mañá, as familias continuarán este labor cosendo os cadradiños, reforzando así a idea de que só xuntas e xuntos podemos tecer un futuro mellor.

 


Queremos agradecer a todas as familias, e de maneira especial ás avoas, avós, tías e tíos,... pola súa colaboración e para tecer os cadradiños de lá.

As fermosas verbas e frases enviadas, cheas de esperanza e rexeitamento á violencia,  recordáronnos que a educación e a palabra son ferramentas poderosas para transformar a sociedade.

Con emoción compartimos tamén o vídeo recopilatorio das familias participantes, desexando que algún día non sexa necesario seguir conmemorando esta data porque a violencia xa non exista.



Logo, Ana, a Xefa de Estudos, presentounos aos seus amigos, do grupo ACORDEIRETA, formado por Alex Balbuena, que toca o acordeón e  Patricia González que toca  a pandeireta, de ahí o seu nome. 

E a que viñeron á escola?

Eles trouxéronnos un agasallo moi especial:  a estrea do Videoclip do    "Canto de Esperanza", como primicia para a nosa escola posto que hasta hoxe, 25 de santos non se "presentaba en sociedade".

 Este canto foi escrito pola poeta Raquel de Alxén e acompañado polas pandereteiras A Buxaina. 

 

Foi un privilexio contar con eles na escola e poder gozar, xunto ao alumnado e profesorado, dun acto tan fermoso e cheo de sentido.

Grazas a todas e todos por facer deste 25N unha celebración de compromiso, unión e esperanza.


GRAZAS!

 Este é o videoclip, marabilloso!

Coñecedes a alguén nel? 

 

Agora poderedes gozar da presentación de Alex e Patricia do canto ante o alumnado da escola. Un pracer contar con vós na nosa escola.


 

 

 


mércores, 29 de outubro de 2025

28 DE OUTONO, CRÓNICA DUN DÍA INESQUECIBLE NO RESÍO

 



O pasado 28 de outubro vivimos unha xornada intensa e emocionante na nosa escola. O alumnado chegou entusiasmado, lucindo as camisetas conmemorativas do evento, preparadas especialmente para a ocasión.



 Obradoiros para todos os ciclos

Comezamos cunha mañá chea de actividades nos distintos obradoiros:

  • Educación Infantil contou coa marabillosa colaboración da avoa de Leo Barbeito, quen deu vida a Pinky, o trasno da ilusión. Foi unha actuación máxica que fixo as delicias dos máis pequenos. Estamos profundamente agradecidos por contar con familias tan creativas e implicadas.

  • O alumnado de 1º, 2º e 3º de Primaria gozou dunha sesión musical con Erica, que lles amosou, con humildade e paixón, como desfrutar dos instrumentos tradicionais galegos.


  • Mentres tanto, os nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de Primaria viviron unha experiencia única da man de Enrique, representante da Asociación de embarcacións tradicionais de Bouzas. Compartiu con eles lembranzas da súa infancia como fillo de mariñeiros, transportándoos a outra época con emoción e autenticidade. Grazas, Enrique!

Acto institucional

Ás 12:00 deu comezo o acto institucional, precedido por un tempo de lecer. A directora, Ángela, abriu o evento cun emotivo discurso, dando paso a Carlos Fernández Veiga, antigo alumno da escola e bailarín de danza urbana. Carlos actuou acompañado do seu mestre e tres compañeiros, ofrecendo un espectáculo que cautivou a todo o público.


A continuación, Paula Ojea, nai de Estela e Roi, compartiu a súa experiencia como ceramista, a pesar de ser enxeñeira de formación, e fixo unha fermosa defensa do ensino público. Grazas, Paula, polas túas verbas!

Seguiu a intervención da Concelleira, e posteriormente, o noso exalumno Sunil López agasallounos cunha interpretación ao piano. Este instrumento, que leva toda a vida na escola, soou marabillosamente tras unha afinación especial, malia os seus anos e a carcoma. Sunil, aos seus 29 anos, dedica a súa vida á música, e así o demostrou con paixón.

Pechou os discursos o Director Territorial de Educación, completando un acto institucional cheo de emoción e orgullo.

 Música, contada e festa familiar

Para rematar o acto, o alumnado interpretou a canción "Súbete ao Resío", seguida dunha contada da boca de Soledad Felloza, que puxo o broche de ouro á celebración.




Este evento foi posible grazas ao apoio do Concello de Vigo, que subvencionou toda a xornada.

 Festa das castañas e lembranzas

Despois dun ágape coas autoridades, comezou a festa "en familia". Pais e nais encargáronse de asar 50 kg de castañas, adquiridas conxuntamente pola ANPA e a escola, mentres o grupo Pesdelán amenizaba a tarde cun concerto cheo de alegría.



Ás 17:30, celebramos a degustación de castañas, xogos populares organizados polo profesorado, e a ANPA preparou chocolate con churros na cantina. Foi unha tarde fermosa, chea de convivencia e emoción.





Antigos alumnos visitaron as instalacións e gozaron da exposición Lembranzas do Resío, onde se recolleron moitas vivencias e anécdotas dos 80 anos de historia da escola. Moitas lembranzas foron compartidas, e outras quedaron pendentes... porque 80 anos dan para moito.

Goza das imaxes do evento na seguinte ligazón

Mirando cara ao futuro

Teremos que seguir preparando e gardando cousas para conmemorar o centenario da escola que será ao longo do curso  2034/2035.

Grazas a todas as persoas que fixeron posible este día tan especial. Xuntos, construímos memoria, comunidade e futuro.