mércores, 29 de outubro de 2025

28 DE OUTONO, CRÓNICA DUN DÍA INESQUECIBLE NO RESÍO

 



O pasado 28 de outubro vivimos unha xornada intensa e emocionante na nosa escola. O alumnado chegou entusiasmado, lucindo as camisetas conmemorativas do evento, preparadas especialmente para a ocasión.



 Obradoiros para todos os ciclos

Comezamos cunha mañá chea de actividades nos distintos obradoiros:

  • Educación Infantil contou coa marabillosa colaboración da avoa de Leo Barbeito, quen deu vida a Pinky, o trasno da ilusión. Foi unha actuación máxica que fixo as delicias dos máis pequenos. Estamos profundamente agradecidos por contar con familias tan creativas e implicadas.

  • O alumnado de 1º, 2º e 3º de Primaria gozou dunha sesión musical con Erica, que lles amosou, con humildade e paixón, como desfrutar dos instrumentos tradicionais galegos.


  • Mentres tanto, os nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de Primaria viviron unha experiencia única da man de Enrique, representante da Asociación de embarcacións tradicionais de Bouzas. Compartiu con eles lembranzas da súa infancia como fillo de mariñeiros, transportándoos a outra época con emoción e autenticidade. Grazas, Enrique!

Acto institucional

Ás 12:00 deu comezo o acto institucional, precedido por un tempo de lecer. A directora, Ángela, abriu o evento cun emotivo discurso, dando paso a Carlos Fernández Veiga, antigo alumno da escola e bailarín de danza urbana. Carlos actuou acompañado do seu mestre e tres compañeiros, ofrecendo un espectáculo que cautivou a todo o público.


A continuación, Paula Ojea, nai de Estela e Roi, compartiu a súa experiencia como ceramista, a pesar de ser enxeñeira de formación, e fixo unha fermosa defensa do ensino público. Grazas, Paula, polas túas verbas!

Seguiu a intervención da Concelleira, e posteriormente, o noso exalumno Sunil López agasallounos cunha interpretación ao piano. Este instrumento, que leva toda a vida na escola, soou marabillosamente tras unha afinación especial, malia os seus anos e a carcoma. Sunil, aos seus 29 anos, dedica a súa vida á música, e así o demostrou con paixón.

Pechou os discursos o Director Territorial de Educación, completando un acto institucional cheo de emoción e orgullo.

 Música, contada e festa familiar

Para rematar o acto, o alumnado interpretou a canción "Súbete ao Resío", seguida dunha contada da boca de Soledad Felloza, que puxo o broche de ouro á celebración.




Este evento foi posible grazas ao apoio do Concello de Vigo, que subvencionou toda a xornada.

 Festa das castañas e lembranzas

Despois dun ágape coas autoridades, comezou a festa "en familia". Pais e nais encargáronse de asar 50 kg de castañas, adquiridas conxuntamente pola ANPA e a escola, mentres o grupo Pesdelán amenizaba a tarde cun concerto cheo de alegría.



Ás 17:30, celebramos a degustación de castañas, xogos populares organizados polo profesorado, e a ANPA preparou chocolate con churros na cantina. Foi unha tarde fermosa, chea de convivencia e emoción.





Antigos alumnos visitaron as instalacións e gozaron da exposición Lembranzas do Resío, onde se recolleron moitas vivencias e anécdotas dos 80 anos de historia da escola. Moitas lembranzas foron compartidas, e outras quedaron pendentes... porque 80 anos dan para moito.

Goza das imaxes do evento na seguinte ligazón

Mirando cara ao futuro

Teremos que seguir preparando e gardando cousas para conmemorar o centenario da escola que será ao longo do curso  2034/2035.

Grazas a todas as persoas que fixeron posible este día tan especial. Xuntos, construímos memoria, comunidade e futuro.

venres, 24 de outubro de 2025

SABÍAS QUE...?


 

24 de outono, DÍA DA BIBLIOTECA

 Pois si, xa chegou a data, hoxe 24 de outono celebramos o DÍA DA BIBLIOTECA, o aniversario da nosa mascota, PICOLINDO, que fai xa uns cantos aniños.

Hoxe ás 12 Picolindo acudiu a escola con moita enerxía, e trouxo a arca das novidades, as maletas viaxeiras, os carnets dos novos usuarios, a guia de uso, e moitas novidades.


Ao tempo, entregou tamén os libros aos nenos e nenas dos distintos clubs de lectura.




venres, 17 de outubro de 2025

VIII CONCURSO DE MICRORRELATOS DE MEDO E DE MISTERIO

Moi boas rapaces! Xa estamos na metade de Outubro, polo que non falta moito para a primeira celebración do ano: O Samaín!!!

Como vén sendo xa tradición, convocamos a todo o alumnado e ás súas familias para participar no

 VIII CONCURSO DE MICRORRELATOS DE MEDO E MISTERIO 


NORMAS para os microrrelatos:

  1. Os microrrelatos deben estar redactados en lingua galega.
  2.  Establécense dúas categorías:
    • PEQUES de 4º EI ata 2º EP
    • MAIORES de 3º a 6º de EP
  3.  Os microrrelatoss poden ser preesntados en formato AUDIO ou VÍDEO.
  4. O tema ten que ser de medo ou de misterio
  5. Deben ter unha duración máxima de 3 minutos.
  6. Tedes que entregalos por unha destas canles: 
    •  ecorreo: juanff@colexiorocio.com
    •  wasapp: 658715569
    • Traer á escola nun Pen Drive 
  7. A data límite para entregar os vosos relatos será o LUNS 27 de outono ás 23:59h 
Os microrrelatos de medo serán avaliados tendo en conta os seguintes criterios: 
 
CRITERIOS DE PUNTUACIÓN
  • A corrección idiomática
  • A participación do alumnado 
  • A entonación e interpretación
  •  A estrutura do relato ( O guión): inicio, nó e desenlace, (Non ten que ser necesariamente nesa orde!)
  • Os efectos especiais 


O xoves 30 de outubro teremos a estrea oficial dos microrrelatos finalistas e coñeceremos aos gañadores das diferentes categorías do concurso.



 




SABIAS QUE...?

 


luns, 13 de outubro de 2025

DÍA DAS ESCRITORAS 2025

 


Hoxe, 13 de outubro, celebramos o DÍA DAS ESCRITORAS. Esta efeméride celébrase desde o ano 2016, sempre o luns máis próximo á data de pasamento de Teresa de Jesús, co obxectivo de destacar o legado e a contribución das mulleres á literatura ao longo da historia.

Durante séculos, as escritoras foron silenciadas, e os seus nomes contábanse cos dedos dunha man: Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, entre outras poucas. Hoxe, por sorte, a lista medra e enchémonos de orgullo ao nomear autoras como Ledicia Costas, Fina Casalderrey, María Oruña, Susana Fortes, Lucía Solla, Iria Misa, Andrea Maceiras...

Algunhas escriben exclusivamente en galego, outras transcenden as nosas fronteiras coas súas obras. Pero todas teñen algo en común: escriben historias fermosas que nos emocionan, nos fan pensar e nos conectan co mundo.

Estade atentos! Esta semana seguiremos a contar historias das nosas escritoras!

 


SABÍAS QUE...?