PAGINA

xoves, 21 de maio de 2026

HOXE VISÍTANOS... ANXO IGLESIAS

 


O alumnado de sexto curso de Educación Primaria recibiu na biblioteca do centro a visita do escritor e mestre Anxo Iglesias, autor de Nova dimensión, unha obra que foi lida, comentada e traballada ao longo das últimas semanas por todos os grupos do nivel.

 

Durante o encontro, Anxo compartiu coa rapazada a súa paixón pola palabra, xogando coa poesía e convidándoos a descubrir novas formas de expresarse a través da literatura. Tamén lles falou do proceso de creación da súa obra, respondeu con entusiasmo ás preguntas formuladas polo alumnado e participou en diversas actividades relacionadas co libro.

 

Foi unha xornada moi enriquecedora e especial, na que os nenos e nenas tiveron a oportunidade de achegarse dun xeito próximo e directo ao mundo da literatura e de coñecer de primeira man o labor creativo dun escritor.

 

A visita rematou cun momento moi agardado: a sinatura personalizada dos exemplares do libro. Un detalle que, sen dúbida, converterá esta experiencia nun recordo inesquecible para todos e todas.

 

Queremos agradecerlle a Anxo Iglesias a súa cercanía, a súa xenerosidade e o tempo compartido co noso alumnado. Así mesmo, expresamos o noso agradecemento a Xerais por facer posible este fermoso encontro arredor da lectura e da creación literaria.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario