PAGINA

mércores, 10 de decembro de 2025

DÍA DA DISCAPACIDADE

Con motivo da conmemoración do Día da Discapacidade, o alumnado de Educación Infantil e de Primeiro e Segundo Ciclo de Educación Primaria realizou unha enriquecedora visita ao H.C. San Rafael.

Ao longo da xornada participamos en diferentes actividades e xogos orientados a fomentar a sensibilización cara á diversidade e a comprender mellor as realidades que viven as persoas con discapacidade. A través de experiencias prácticas e dinámicas participativas, puidemos reflexionar sobre a importancia da empatía, do respecto e da inclusión.

Entre as actividades realizadas, debuxamos cos ollos tapados para experimentar algunhas das dificultades que poden atopar as persoas con discapacidade visual e compartimos as nosas sensacións e reflexións sobre como podemos axudar e colaborar no noso día a día. Tamén nos comunicamos sen palabras, enviando mensaxes mediante debuxos trazados co dedo nas costas dun compañeiro ou compañeira, descubrindo novas formas de comunicación.

Ademais, colaboramos na decoración da Árbore da Inclusión e dunha fermosa árbore de Nadal, enchendo ambos espazos de creatividade, ilusión e mensaxes de convivencia. O alumnado de Primaria tivo tamén a oportunidade de desprazarse en cadeira de rodas, tomando conciencia dos retos e barreiras que moitas persoas afrontan diariamente.

Foi unha visita marabillosa, chea de aprendizaxes significativas, emocións compartidas e valiosos momentos de convivencia que nos axudaron a medrar en valores e a construír unha mirada máis respectuosa e inclusiva cara á diversidade.

Moitas grazas, unha vez máis, ao H.C. San Rafael pola súa cálida acollida e por ofrecernos unha experiencia tan enriquecedora e inesquecible.




Ningún comentario:

Publicar un comentario