PAGINA

mércores, 29 de febreiro de 2012

A orixe das palabras. O Rocío, o Resío

Ás veces, o traballo dos investigadores fainos descubrir cousas sorprendentes, incluso daquelas cousas "de toda a vida" e máis achegadas a nós.
No magnifico traballo de toponimia (nomes dos lugares) de Vigo, realizado por Ivan Sestay, atopamos a orixe do nome do noso barrio e tamén da nosa escola, o Rocío, ou como foi coñecido durante séculos: O RESÍO:

O Resío
É un barrio (aldea) que se corresponde máis ou menos coa actualmente chamada rúa do Resío (na placa rúa do Rocío). Recentemente independizouse eclesiasticamente de Coia e aos curas non se lles ocorreu outra cousa que chamarlle oficialmente parroquia de Nuestra Señora del Rocío, como se o secular nome do Resío fose unha mala pronuncia dese nome da Virxe.

Desde hai xa máis de cen anos o nome deste barrio aparece sempre escrito como Rocío, sen dúbida por unha mala interpretación que fixo pensar que Resío é unha bárbara deformación popular de Rocío.
Non hai nada diso, os paisanos din ben. Aínda hoxe case todos os nativos foron refractarios ao oficial Rocío e seguen a pronunciar O Resío.
Un resío é un vella palabra galega co significado xeral de ‘sobrante ou sobexo dunha terra que queda ao longo do muro que a pecha’ e de aí a ‘faixa de terreo que bordea algúns terreos’ ou mesmo ‘anaco de terreo pechado unido á casa’. Vén do latín RESIDUU, é dicir ‘residuo’ co
sentido de ‘o que se deixa fóra’.


O Salgueiral do Resío
Está localizado na confluencia das rúas Río Miño e Rocío.
As precisas indicacións do catastro do Marqués de la Ensenada indícannos claramente a presenza de salgueiros neste lugar: “... contiene ... treze manzanos, tres perales y zinqüenta sauzes.” 

Pero ata hai pouco non foi ningún salgueiral, senón prados de regadío e secaño e algunha terra de cultivo bastante ruín; o topónimo é, por forza, antigo.

Se vos interesa o tema, aquí tedes as ligazóns ao traballo completo de Sestay, arredor da toponimia de Coia e de Lavadores:



Ningún comentario:

Publicar un comentario