Como actividade final ao proxecto anual da escola, hoxe tiveron lugar as finais de pasapalabra. Por falta de participación do alumnado na clasificatoria, non se fixo final no primeiro ciclo de primaria, pero sí, no segundo e terceiro ciclo. Os equipos clasificados foron:
Segundo ciclo:
Equipo A: Xacobe, Brais, Xela e Nora
Equipo B: Lucía, Andrea, Leyre L e Beltrán
EQUIPO B, SEGUNDO CICLO PRIMARIA
EQUIPO A SEGUNDO CICLO
Terceiro ciclo:
Equipo A:Natalia, Mia, Alba e Olivia
Equipo B:Luis, Daniel, Claudia e Iris
Emocionantes
finais nas que se proclamaron gañadores o Equipo B, de ambas finais.
Agradecer a participación dos lectores e azafatos de sexto e cuarto
curso de primaria.
O alumnado do primeiro e segundo curso de primaria gozaron dun obradoiro de robótica na escola. Traballando con Legos e motores, construíron unha peonza. Foi moi divertido!
Ao longo deste curso achegámonos á figura de Antonio Gaudí, un dos arquitectos máis importantes e recoñecidos da historia. Este ano lembramos de maneira especial a súa figura ao celebrarse o centenario do seu pasamento, unha oportunidade perfecta para coñecer mellor a súa vida e a súa extraordinaria obra.
A través de conversas na aula, vídeos, lecturas e diferentes actividades, a rapazada descubriu quen foi Gaudí, como era a Barcelona da súa época e por que as súas construcións continúan sorprendendo persoas de todo o mundo. Chamounos especialmente a atención a súa capacidade para observar a natureza e inspirarse nela para crear edificios únicos, cheos de formas orgánicas, cor e luz.
Tamén coñecemos unha das técnicas máis características da súa obra, o trencadís, un tipo de mosaico elaborado con fragmentos de azulexos e cerámica que empregou para decorar moitos dos seus edificios e esculturas. Esta técnica serviunos para reflexionar sobre a creatividade, a reutilización de materiais e a importancia da arte como forma de expresión.
Durante as nosas investigacións descubrimos tamén a fascinación que Gaudí sentía polos dragóns, figuras que aparecen en varias das súas creacións máis coñecidas e que están relacionadas coa lenda de San Xurxo, patrón de Cataluña. Esta curiosidade inspirou boa parte das actividades desenvolvidas no centro.
O alumnado de terceiro curso está a traballar a reciclaxe a través da creación artística, tomando como referencia os dragóns e os libros desta temática presentes na biblioteca escolar. Os nenos e nenas están a recrear as portadas dalgunhas destas obras, combinando lectura, arte e reutilización de materiais nun proxecto cheo de imaxinación e creatividade.
Pola súa banda, o resto dos cursos tamén quixo sumarse a esta homenaxe a Gaudí incorporando pequenos dragóns nas súas producións artísticas. Así, entre murais, debuxos e traballos plásticos, os dragóns fóronse agochando por diferentes recunchos da aula de plástica, converténdose nun divertido fío condutor que une as creacións do alumnado e que nos invita a observar con atención cada unha delas.
Entre todas as súas creacións, dedicamos unha atención especial á Basílica da Sagrada Familia, a súa obra máis coñecida e o proxecto ao que dedicou os últimos anos da súa vida. O alumnado descubriu que Gaudí chegou a entregarse por completo á construción deste templo, dedicándolle todos os seus esforzos e converténdoo na gran obra da súa vida.
Como peche deste traballo, o alumnado do quinto e sexto cursos de primaria elaboraron de xeito colaborativo un fermoso mural no corredor do andar baixo inspirado na obra do arquitecto, enchendo o espazo de cor, mosaicos e formas que evocan o seu estilo inconfundible.
Aínda nos quedan moitas cousas por descubrir sobre este xenio da arquitectura. Por iso, o vindeiro curso seguiremos investigando, creando e aprendendo arredor da súa vida e do extraordinario legado artístico que nos deixou.
Noutros tempos, no noso barrio confeccionábanse alfombras florais para celebrar o xoves de Corpus Christi, así que a comunidade educativa do Resío decidiu apostar pola tradición e recuperar ese pasado alfombrista.
Dentro do noso tema anual, “O feito a man”, quixemos achegar ao alumnado unha das manifestacións culturais máis fermosas da nosa contorna, permitindo que coñecesen de primeira man unha tradición que formou parte da vida do barrio durante moitos anos.
Para a elaboración da nosa alfombra empregamos flores esfolladas, café en gran, café moído, arroz previamente tinguido nas aulas de Infantil, verde e flores naturais. Detrás desta creación houbo moito traballo, ilusión e colaboración.
A tarefa comezou onte co deseño da alfombra e continuou hoxe coa súa elaboración. Todo o alumnado participou activamente, de maneira organizada e adaptada ás súas posibilidades, de xeito que ningún neno nin nena quedou sen contribuír a esta obra colectiva. Uns encargáronse de bordear os deseños coas borras do café, outros colocaron o arroz nas zonas máis pequenas e detalladas, mentres que outros distribuíron as flores e o verde previamente preparado.
O DESEÑO
ESFOLLANDO
Queremos agradecer a colaboración das familias, que participaron esfollando as flores; do profesorado, que deseñou a alfombra e acompañou todo o proceso; e, por suposto, do alumnado, protagonista desta fermosa experiencia. Grazas ao esforzo, á dedicación e ao entusiasmo de todos e todas, conseguimos crear unha auténtica marabilla que encheu de cor e significado a nosa escola.
Foron moitas horas de traballo desde onte, pero o resultado demostra que traballando xuntos conseguimos proxectos fermosos. Manter vivas estas tradicións se consegue cando se comparten, se valoran e se transmiten ás novas xeracións.
Mañá completaremos a tradición, paseando por ela, pero de momento, deixámola intacta para que poidades admirala.
Hoxe visitounos Bea, a nai de Uxía (2°EP). Na Lareira dos Contos pasamos
un ratiño moi agradable coa lectura do conto "TEA", unha experiencia
coa que empatizar coas persoas con esta condición.
Na biblio do cole contamos con este fermoso álbum ilustrado que busca achegar aos lectores e lectoras á realidade das persoas con
Trastorno do Espectro Autista dunha maneira moi visual e vivencial. O aspecto máis orixinal do libro é que propón unha experiencia inmersiva:
mediante o uso dunhas lentes especiais, os nenos e nenas poden observar
unha mesma historia desde dúas perspectivas diferentes. Deste xeito,
comprenden mellor como perciben o mundo algunhas persoas con TEA e
desenvolven a empatía cara ás súas necesidades e formas de relacionarse.