Continuando co noso proxecto medioambiental, seguimos a facer a horta da nosa escola. Papás, tal e como vos contabamos esoutro día xa distribuímos o espazo, calculamos as dimensións dos bancais, angazamos,...
Tamén plantamos árbores froiteiras, bulbos, sementes e plantas. O lugar non o tivemos que buscar, xa que o patio da escola nolo deixa pero si que o acondicionamos. Agora xa temos auga, o que nos permite utilizar as mangueiras para regar. De tódolos xeitos ata o de agora non nos fixera moita falla pois leva chovido tanto que non era preciso o rego da horta. Agora si, coa chegada do sol e as agradables temperaturas, xa temos que facer quendas de rego.
Parece que o emprazamento non está mal, pois a partir de media mañá xa lle dá o sol e polas tardes tamén. Xa temos unha composteira para poder estercar a horta,... é o máis importante tódalas árbores froiteiras xa teñen gromos, follas e algunha, flores. A profe dí que agora toca o máis importante da horta OBSERVAR. Dí que temos que observar as plantas, tentar que non lles falte auga, que non lles afecte ningunha enfermidade. A verdade é que ten razón, as plantas dos amorodos xa teñen flor, e as sementes de ervellas xa xerminaron e saíron unhas pequenas plantas das sementes de xirasol.
Agora observade o noso traballo e xa vos iremos informando da evolución da nosa horta.